Nunha comparecencia conxunta os representantes de Unións Agrarias-UPA, SLG, FRUGA, ASAGA e AGACA advertiron da situación límite na que se encontra o sector.
Instaron ás administracións a “dar un paso á fronte e a actuar de inmediato para evitar que o bloqueo derivado do paro do transporte teña consecuencias nefastas para as explotacións galegas”.
Sinalan que “Se ben ata o de agora os transportistas respectaron a recollida de leite nas granxas, o bloqueo do porto da Coruña e o corte do subministro de cereal ás fábricas de pensos ten ao sector produtor contra as cordas”.
Alertan que “se en menos de 48 horas non chega cereal ás fábricas de penso, as granxas galegas quedarán sen alimento para o gando. A situación é grave e a capacidade de resistencia do sector agrogandeiro limitadísima”.
Desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) anunciaron a suspensión da súa actividade por mor desta folga do transporte o que suporá a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras a partir deste xoves.
Este é o comunicado da FENIL
A industria láctea española vese abocada a suspender a súa actividade trasformadora como consecuencia da folga de transportes que vén desenvolvendo nos tres últimos días. As fábricas viron interrompido a subministración dos insumos necesarios para a elaboración de produtos lácteos e tamén o traslado do produto terminado ás cadeas de distribución, polo que se anulou a capacidade de envasado e de almacenamento e xestión dun alimento altamente perecedoiro e esencial para o consumo diario.
Esta paralización está a carrexar consecuencias sociais, económicas e ambientais inevitables pois supoñerá a suspensión da recollida do leite nas explotacións gandeiras a partir de mañá e, sobre todo, ponse en risco o abastecemento de produtos nutricionalmente básicos na alimentación das persoas como son o leite e os lácteos.
Este panorama é o resultado do desamparo e a impotencia dos transportistas ante a actuación dos mal chamados piquetes informativos que bloquearon a súa actividade.
Soamente poderase reverter esta decisión á que se ve abocada o sector se se garante o dereito á mobilidade e a seguridade dos transportistas que non secundaron a folga, e evítanse conflitos de orde pública nas estradas españolas, circunstancia conXugable co respecto do dereito de folga.