A portavoz de medio rural do Partido Popular de Galicia e deputada autonómica, Elena Candia, explicou as propostas do seu grupo ante a situación dos gandeiros “que están afogados polos custos de produción”.Asegurou que a tramitación da modificación da Lei da Cadea Alimentaria é unha oportunidade “para blindar o cumprimento da lei, con ferramentas”.
Para Candia, unha delas é a “Conta Láctea”, a APP gratuíta lanzada pola Xunta que sería unha útil referencia para fixar os custos e engadir unha marxe de ganancia para os produtores de leite.“Pedimos que a Conta Láctea sexa validada para negociaros prezos” manifestou en declaracións a Radio Xallas. A deputada demanda que se adopten decisións que acheguen solucións “en concreto”.
Criticou o papel do goberno estatal e defendeu que a Consellería do Medio Rural “ fixo os deberes” e que en Galicia hai unha estratexia fixada, aínda que se necesitan dar pasos diante da preocupante situación dos gandeiros.
“Hai que actualizar os prezos senón os produtores teñen que vender a perdas” suliñou Elena Candia, crítica con distintas medidas do Ministerio de Transición Ecolóxica que están afectando ao sector primario, como o referente a protección do lobo:”Teño a sensación que se está protexendo máis ao lobo que ós gandeiros”.
Sobre a Conta Láctea falou este pasado luns en Santa Comba o director xeral de Gandería, José Balseiros.