12,00 Auditorio do Multiusos de Santa Comba
Unións Agrarias organiza un encontro cos gandeiros que forman parte da organización «para falar da situación que atravesa o sector lácteo». Será este venres 23 de xullo desde as 12 no auditorio do Multiusos. Intervirá o secretario xeral do sindicato, Roberto García.
Desde UUAA indican que teñen «iniciado conversas co conxunto das industrias lácteas que operan en Galicia; así como coas cadeas de distribución e coa administración autonómica; para abordar a situación e impulsar unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea».
Intención de subas por parte de dúas empresas
Neste sentido xa hai avances. Segundo Unións «Nos últimos días dúas industrias xa comunicaron aos gandeiros cos que traballan a súa intención de incrementar as tarifas en vigor. Unha iniciativa que a organización agraria valora positivamente; pero que, no contexto actual de suba dos custos de produción, resulta insuficiente para garantir a rendabilidade das explotacións e cumprir coa Lei de Cadea».
As empresas son Pascual e Naturleite, «que teñen proposto subas de 1 céntimo por litro para o último cuadrimestre de 2021 no caso da primeira; e de 2 céntimos por litro entre agosto e abril no da segunda».
Unións Agrarias considera necesario seguir traballando para desterrar definitivamente a venda a perdas do sector lácteo. E confía en que nas próximas semanas poidan materializarse os acordos necesarios para rematar coa mala situación que as granxas galegas veñen arrastrando e garantir a súa rendabilidade.