Nunha visita ao concello de Mazaricos, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou “unha febre eólica moi agresiva, tanto na forma como no fondo, pola prepotencia e os abusos das empresas, que busca apropiarse dos recursos naturais do País sen apenas deixar riqueza nin xerar emprego, mentres que a Xunta, -en lugar de velar polo interese público-, mira para outro lado ou mesmo actúa de parte do interese privado”.
Pontón propuxo como alternativa un desenvolvemento eólico desde “un modelo público, xusto, sustentábel e participativo dos recursos, fronte ao modelo depredador que permite o Goberno do PP”.
A política nacionalista afirma que “pode haber desenvolvemento, pero deixando riqueza aquí, sen agresividade con medio ambiente, porque o que non é viable nin xustificable é a implantación de parques eólicos a toda costa”.Puxo como exemplos os proxectos que afectan a núcleos habitados ou a actividade agrogandeira “como é o caso de Mazaricos, A Baña, Ordes ou O Deza”.
Entre esas propostas do BNG figura declarar ben público a enerxía como sector prioritario da economía, crear unha empresa pública de enerxía, “que garanta un retorno dos beneficios para os galegas e os galegos”, e establecer como obrigatorio para desenvolver proxectos eólicos contratar a construción e subministro de compoñentes con empresas radicadas en Galiza.Ana Pontón tamén reivindicou unha tarifa eléctrica galega.
Tamén propón que o canón eólico se lle aplique ás empresas non en función do número de muíños senón en función da potencia instalada e aumentar a participación dos concellos no Fondo de compensación ambiental.