O documento do inicio do proceso de avaliación do impacto ambiental do parque eólico Monte Chan, que afecta a Vimianzo e Laxe encendeu as alarmas de distintos colectivos que denuncian públicamente o dano que pode causar a una paisaxe protexida como son os Penedos de Pasarela e Traba.
BNG e Adiante Vimianzo
Os grupos locais do BNG en Laxe, Camariñas e Vimianzo fan un chamamento aos gobernos locais para que reaccionen e que “elaboren informes sectoriais” que recollan as particularidades das zonas afectadas polos proxectos de Monte Chan e Os Mouros.”A movilización cidadá, moi necesaria sempre, non pode substituír os labores e as funcións da propia Administración” afirman, anunciando que presentarán alegacións.Desde Adiante Vimianzo, presentaron unha moción no concello soneirán, en referencia ao parque de Monte Chan “que danaría irremediablemente esta paraxe natural”.
A concelleira deste grupo, Marta Rey, iniciou unha petición na plataforma Change.org, denonimada “Salvemos os Penedos de Pasarela e Traba”, que no momento de escribir este artigo xa levaba preto de 2.000 sinaturas recollidas.
“Urxe poñérmonos en marcha e loitar novamente para salvar os Penedos de Pasrela e Traba. Conseguimos daquela gañarlle á batalla á canteira e demostrar que os Penedos son moito máis que pedras. Agora toca loitar de novo” explícase nesta iniciativa.
Oposición de Contramínate e Petón do Lobo
Tamén se posicionaron, abertamente en contra, entidades como Contramínate, que informan :”Dos 16 viraventos, 2 irían fronte á Torre da Moa, na Mixirica, outro a escasos metros da Cachucha e outro no monte de Vadalama ao caron dunha necrópolis megalítica de catro mamoas , 2 máis no monte da Lagoa, onde se atopa o mirador de Coéns, 3 na zona de Pedra Raposa, lugares emblemáticos. Na zona da Pena dos Mouros e Pena de Mordomo irían otros 7 o que devastarían un espazo tan singular como os Penedos de Traba e Pasarela.Como veciñas implicadas co medio onde vivimos non podemos consentir tal iniciativa e tomaremos todas as medidas necesarias para tratar de frear semellante atentado paisaxístico, empezando por mobilizar a veciñanza e a administración para que non consinta os parques”.
Tamén a asociación Petón do Lobo critica este proxecto.
Declaracións da alcaldesa de Vimianzo
Pola súa banda , a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, anuncia que o concello presentará alegacións ao proxecto de Monte Chan: “Non podemos permitir que un área de tanta riqueza paisaxística e valor natural e social, así como a súa contorna, quede invadida polos muíños de vento. Que sexa Paisaxe Protexida implica unha serie de condicións e teñen que respectarse”.
Rodríguez Ordóñez aclarou que de momento non hai nada apobado:“Vamos a loitar onde faga falta para que non se leve a cabo o parque eólico, pero despois de facer varias consultas para poder trasladar e coñecer de primeira man, trasládolle á veciñanza que estamos a realizar alegación sobre a avaliación sobre o impacto ambiental nesta zona. Neste momento non hai nada autorizado. A Xunta deunos traslado deste expediente para proceder as alegacións correspondentes, e así o faremos”.
A rexedora quixo lamentar que “se estea a enganar á veciñanza por parte dun grupo da oposición, e cabe lembrar que durante eles gobernaron nunca se opuxeron a ningún parque eólico. Deberían ser coñecedores que isto é un trámite previo a calquera autorización. Non se pode falar dun procedemento como este en presente, xa que está en fase embrionaria e nós aínda temos moito que dicir ao respecto”.