A portavoz de Medio Ambiente e deputada do Partido Popular, Marisol Díaz Mouteira, defendeu unha iniciativa que criticaba a inclusión do lobo no LESRPE asegurando que o obxectivo da mesma era “continuar garantindo a coexistencia do lobo coa gandería e a viabilidade das explotacións, unha base fundamental da economía no noso rural como fonte xeradora de alimentos e ferramenta na loita contra o despoboamento”.
Para os populares a decisión adoptada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o reto demográfico “carece de todo sentido e está absolutamente baleira de diálogo e consenso, rachando coa procura do equilibrio entre a actividade gandeira e a conservación do lobo ibérico”, manifestou Marisol Díaz. Ademais, apuntou que esta proposta “é unha absoluta e preocupante trangallada pola unilateral e irregular tramitación administrativa, por carecer de fundamento técnico e científico, por vulnerar as competencias exclusivas das comunidades autónomas e por provocar un gravísimo dano para o sector gandeiro”.
A proposta dos populares foi finalmente transaccionada co PSOE que presentou unha emenda, ao igual que o BNG(neste caso non foi aceptada).
PSOE E BNG piden máis axudas por danos
No debate en comisión, o deputado socialista Martín Seco defendeu que houbera un “consenso” co sector gandeiro. Criticou a falta dun censo do lobo actualizado e da demora das axudas, culpando destes extremos á Xunta de Galicia:”Hai danos cuantiosos e axudas residuais” afirmou Seco García.
Desde o BNG, Xosé Luís Bará, denunciou unha “campaña de lobofobia” nun asunto con “altas doses de manipulación, populismo e alarmismo”. Recriminou a falta de medios e a inacción do goberno galego.
Tamén lamentou o “incumprimento” do Plan de Xestión do Lobo e insistiu na necesidade de constituír o “Foro Galego sobre o Lobo” e de axudas polos danos “rápidas, xustas e equilibradas”.
Desde o Partido Popular lembraron que se estaban dando axudas económicas cun “esforzo en solitario” sen implicación do goberno do estado.
ACORDOS ADOPTADOS
1.-O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que mostre a súa desconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ibérico ao norte do Douro na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e, a que demande ao Goberno de España paralizar o proceso e a manter o actual status legal das poboacións ao norte do río Douro.
2.-A liderar, xunto con Asturias, Cantabria e Castela e León, a estratexia nacional para a conservación do lobo. Unha vez elaborada dita estratexia, actualizar ou elaborar un novo plan do lobo para Galicia, que debe ser froito do consenso entre as asociación en defensa do lobo, representantes das organización gandeiras e representantes do sector veterinario e no que deben participar os expertos do lobo presentes no comité técnico constituído recentemente.
3.- Axilizar a actualización dos censos poboacionais e elaborar un novo mapa de presencia do lobo en Galicia.
4.- Suplementar, se fose necesario, o orzamento de 2021 para prevención e danos por ataque de lobos ao gando, garantizando que cubra todas as solicitudes presentadas correctamente e o cobro destas nun prazo axeitado, ademáis de actualizar as contías por danos por ataque do lobo actuáis, tal e como ven recollido na orde de axudas.
PP e PSdeG votaron a favor dos catro puntos e o BNG votou en contra do primeiro e a favor do resto.