A portavoz da asociación “Petón do Lobo”, Ana Varela, insistiu hoxe nos micrófonos de Radio Xallas, que “o que pedimos na Mina de Varilongo é que se cumpra a normativa” e confirmou que o complexo “continúa producindo importantes impactos ambientais” que poden constituir “un posible delito ambiental”.
Nin planta de tratamento nin avaliación ambiental
Denuncia que “non existe unha planta de tratamento da drenaxe ácida da mina” e que está nunha situación irregular desde hai trinta anos e “tíñase que ter declarada a caducidade das concesións”.E que tampouco se someteu o proxecto a avaliación de impacto ambiental, algo fundamental.
ENTREVISTA A ANA VARELA A PARTIR DO MINUTO 31
Contaminación
Outra das queixas de Petón do Lobo é que “nunca se chegou a executar o plan de restauración previsto” sinalando que os verquidos existentes poden ter unha afección nos ecosistemas e nas persoas.
Ana Varela emprazou ao alcalde de Santa Comba a esixir o cumprimento da normativa e a paralizar “unha contaminación que acaba repercutindo no río Xallas”. Sobre as competencias municipais, dixo que o alcalde “é a autoridade sanitaria do concello e ten a obriga legal e ética” de actuar.
Tamén demandou unha actuación da Xunta de Galicia.“Se a lexislación non se cumpre o código penal está aí” advertiu.Segundo Varela “non hai ningunha mina do mundo que non teña un estudio de metas pesados e a Mina de Varilongo non o ten”.