O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou o concello de Coristanco para manter un encontro cos comuneiros do monte veciñal Río do Sol.Estivo acompañado polo alcalde Juan Carlos García Pose.
González apelou á necesidade de desenvolver unha xestión forestal responsable e sustentable, así como un aproveitamento sostible dos recursos do monte.
Salientou ademais que o Goberno galego fomenta estes traballos con apoios para accións silvícolas e para o fomento da plantación de coníferas e frondosas, dos que as comunidades de montes son un dos seus principais beneficiarios.
Nesta mesma liña, José González trasladou que o obxectivo fundamental das subvencións para labores silvícolas é dobre. Por un lado, apóiase a realización de tratamentos preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas.
A segunda liña de actuación –explicou– está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se potencia mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros, remarcou o conselleiro.
A Xunta lembra que na comunidade Río do Sol no 2017 finalizouse unha obra de tratamentos silvícolas preventivos e está en trámite outra iniciativa con fins silvícolas e de control e eliminación de acacias.
José González comentou que recentemente se levou a Consello da Xunta a creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esta riqueza. Os titulares destes terreos e terán prioridade na concesión de axudas públicas e incentivos fiscais.