Xa o dixera o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, nos micrófonos de Radio Xallas:”O canon eólico non repercute en investimentos no rural” afirmou o pasado mes de xullo no programa «Na Encrucillada» onde anunciou a presentación dun recurso contra o Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
Agora o BNG agarda ao comezo do período de sesións no Parlamento de Galicia para presentar iniciativas co obxectivo de defender a Devesa de Anllares, unha distribución xusta do Fondo de Compensación Ambiental así como dos beneficios xerados polos parques eólicos.
Visita de Luís Bará e Mini Rivas a Mazaricos
Así o confirmaron os portavoces de Medio Ambiente e Medio Rural Luís Bará e Xosé Luís Rivas nunha visita recente ao concello de Mazaricos, onde denunciaron a «extorsión” das empresas eólicas a propietarios e concellos coa conivencia da Xunta de Galiza». Os deputados do BNG lembraron que Mazaricos conta cunha actividade económica baseada na gandería nun concello de 200 Km cadrados e 1.000 Km de vías municipais que xunto ao abastecemento de auga e saneamento representan as principais necesidades do investimento público.
Pola súa banda, o alcalde de Mazaricos critica a actuación das empresas eólicas que utilizan “a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos e maximizar beneficios”. Segundo datos do concello, os parques eólicos implantados en Mazaricos, “120 muíños, xeran máis de 30 millóns de euros anuais, mentres que concello e propietarios das terras reciben auténticas migallas”.
Espolio dos recursos do territorio
Para Xosé Luís Rivas, “estamos diante dun auténtico espolio dos recursos e da riqueza do territorio, dunha rapina perpetrada coa complicidade da Xunta de Galiza, que aprobou a chamada lei de depredación para poñerlle fácil ás empresas a tramitación dos parques, pasando por riba dos intereses dos propietarios das terras e dos concellos”. Tamén analizaron o impacto dun parque que se pretende instalar na Devesa de Anllares, un bosque atlántico ubicado á beíra do río Xallas.
O concello de Mazaricos reclama á Xunta de Galicia o 50% do canon éolico, xa que actualmente percibe 200.000 dos 700.000 euros que recada o goberno autonómico.