Completo programa de actividades para celebrar o vinte aniversario de Protección Civil de Val do Dubra.
Protección Civil e o concello do Val do Dubra celebran este vindeiro venres 31 de marzo e o sábado 1 de abril unha feira demostración e exposición de emerxencias, coincidindo co vinte aniversario desta agrupación de voluntarios que veñen desenvolvendo unha tarefa moi importante neste municipio e en toda bisbarra.
A feira, que estará operativa de dez da mañá ata as nove da noite dos dous días, desenvolverase nun espazo de máis de 6.000 metros cadrados habilitados no pavillón municipal no campo de fútbol da Tilleira e nos arredores.
Haberá unha mostra de material de emerxencias, expsición de coches clásicos e de empresas, así como talleres de bombeiros, 016, incendios forestais, Garda Civil, lume e mar, e distintos xogos populares para nenos.
O venres tamén haberá unha exhibición dos drons da Axencia Galega de Emerxencias(AXEGA) e de cans de salvamento e rescate, e o sábado haberá unha xornada de Protección Civil con distintas ponencias.
Recoñecemento polo XX Aniversario
O pasado 12 de marzo a Casa da Cultura acolleu un acto de homenaxe no que se entregaron medallas de recoñecemento a 16 membros deste colectivo que preside Óscar Río, e que contou coa presenza do director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luís Menor, do xefe territorial de Protección Civil, Víctor Vázquez ou do alcalde do Val do Dubra, Antonio Negreira, entre outros.