//O executivo “solidarízase” co PP para pedir a renuncia de Rita Barberá e esixe a dimisión do edil Juan José Cruz García, ao que acusan de pretender “chantaxear politicamente ao lexítimo goberno de Lalín”.// Rafael Cuíña quere comparecer para explicar as contratacións “en fraude de lei” do Partido Popular//
O goberno que preside Rafael Cuíña presentou unha moción, para debater no pleno que se celebrará o vindeiro 6 de outubro, para manifestar “a más rotunda repulsa e condena” a calquera acto de transfuguismo. O texto ten a súa substancia, xa que recolle a “solidariedade” do concello co Partido Popular e apoia “a súa petición de dimisión da senadora do grupo mixto Rita Barberá” e entra en clave local para pedirlle ao concelleiro Juan José Cruz García, elixido da candidatura de Compromiso por Lalín, que “renuncie a súa acta de concelleiro para salvagardar a dignidade da representación das e dos lalinenses”.
Tamén se pide ao resto de formacións políticas que “non dean acubillo nin sustenten este tipo de actitudes rexeitando todas as iniciativas que presenten” tanto Rita Barberá no Senado como Juan José Cruz no concello. O grupo de goberno tamén presenta unha moción para pedirlle á consellería de Industria a revisión da autorización á empresa promotora da LAT O Irixo-Lalín e á consellería de Medio Ambiente a revisión da declaración de impacto ambiental.
Comparecencia de Rafael Cuíña
O alcalde tamén comparecerá para “dar conta de todos as xestións e medidas que está a adoptar o Goberno municipal para regularizar a situación dos empregados públicos que se atopan contratados en fraude de lei dende a etapa do Partido Popular.O goberno local está formado por concelleiros de Compromiso por Galicia, PSOE, BNG e APAC. A marcha de Cruz deixou ao executivo en minoría.