Cunha traxectoria sólida que arrancou a finais de 2011, o Grupo Claxxon mantense firme na súa liña musical rockeira dentro do panorama das festas galegas. Diego Grande, director musical da formación, explicou nos micrófonos de Radio Xallas a complexidade de apostar por un xénero diferenciado nun mercado de verbenas que moitas veces tende á homoxeneidade:
«Agora mesmo parece que a verbena ten que ser xota, cabalo e rei, e non te podes saír de aí. Somos unhas desas formacións que intentamos apostar por outra cousa».
A estratexia do Grupo Claxxon consiste en adaptar grandes clásicos nacionais e internacionais do rock e do pop cun formato en directo potente e con músicos experimentados.
Entrevista en Radio Xallas
Malia as reticencias iniciais dalgúns axentes do sector que non comprenden un modelo alternativo para a verbena tradicional, o Grupo Claxxon atopa o seu maior impulso no público final e nas comisións que demandan un directo auténtico e coidado.
O traballo constante de renovación de repertorio ten o seu mellor reflexo na resposta da xente sobre o campo da festa. A pasada fin de semana unha mostra deuse nas festas da Ponte do Porto, na Costa da Morte.
Este recoñecemento confirma que as propostas de calidade logran romper as barreiras dos prexuízos musicais nunha zona que historicamente tivo unha importante pegada rockeira, aínda que as tendencias xerais variaran nos últimos tempos cara a ritmos máis comerciais, como apuntaba Diego Grande nesta entrevista no programa “Na Encrucillada”.

Un setlist sen complexos: De Queen a Iron Maiden
O rigor técnico é innegociable á hora de pór en escena mitos da historia da música como Hotel California de Eagles ou Stairway to Heaven de Led Zeppelin. Como máximo responsable da selección de temas, Diego Grande asume dita esixencia coa máxima seriedade para garantir o nivel dos seus músicos:
«Para min, neste tipo de espectáculos, a música é o principal, entón eu non podo permitir sacar do ensaio un tema que non soa ben».
O repertorio do Grupo Claxxon destaca polo equilibrio entre o pop-rock e as versións máis contundentes do heavy metal que revolucionan as prazas de Galicia.
«Por exemplo, levamos música de Iron Maiden. Sempre tocamos “The Trooper” e no momento que empeza a soar a xente vólvese tola, vénse arriba dunha maneira increíble”.
Finalmente, o director musical do Grupo Claxxon enviou en Radio Xallas unha mensaxe de respecto e moito ánimo cara ao traballo altruísta que realizan as comisións de festas para sacar adiante as celebracións populares fronte ás trabas burocráticas e financeiras e animounas a incluir música rock nos seus carteis de festexos.
Xunto coas actuacións nas festas o¡ grupo forma parte activa da ópera rock “Camiño do Amor”.


