O 17 de maio é o Día das Letras Galegas. E na véspera celebrouse o día mundial do Heavy- Metal. Cecais sexan cousas do destino.
A banda viguesa de metal Dioivo vén de musicalizar un poema de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
O dúo vigués gravou este tema, novamente, no estudio de DS Audio con Dany Soengas, coñecido músico de bandas viguesas como Atreides, Skydancer ou Lardelúa.
A canción, polo momento só dispoñible en Youtube, estará axiña tamén no resto de plataformas dixitais, e supón un adianto do novo disco dos vigueses, que xa teñen un álbum e dous EP publicados.
Dioivo actuará o vindeiro 10 de xuño no Pub Transylvania de Vigo xunto coa banda Bloodhunter. Non é a primeira vez que o grupo homenaxea a poetas galegos. Xa o fixo con Méndez Ferrín e con Rosalía de Castro.