A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez(PSOE), incidiu nun dos compromisos principais desde que chegou á alcaldía:“Vimianzo é un concellos coas portas abertas e o diálogo é unha prioridade”.
Un entendemento do que Rodríguez fai partícipe á oposición (Adiante Vimianzo e BNG):”En Vimianzo hai un diálogo continuo.Agradezo as boas relacións que hai, dentro das grandísimas diferencias que nos separan. A confrontación non leva a ningún sitio.Hai que pensar en Vimianzo, unindo os nosos esforzos”.
Uns esforzos que deben ir repartidos no territorio:“Hai que pensar nas 14 parroquias, tanto nas obras como nas actividades” sinalou a alcaldesa, nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas.
Escoita aquí a entrevista con Mónica Rodríguez- desde o minuto 40
“Estamos impulsando obras necesarias e imos á velocidade que podemos” comentou Mónica Rodríguez, destacando actuacións que se están desenvolvendo en pavimentacións “ou na substitución de máis de 4.000 luminarias en todas as parroquias, que suporá a redución do consumo e da contaminación lumínica”.
Unha das grandes eivas que encontra o goberno socialista vimiancés é a maquinaria administrativa:“A burocracia que nos envolve a veces dáme impotencia por non poder resolver máis rápido os problemas. Somos a primeira porta onde acude un veciño”.E hai que ter unha folla de ruta:“O concello é como unha familia cuns ingresos e uns gastos e hai que priorizar” aclara.
Todo isto nunha lexislatura marcada pola pandemia:“Foron tres anos duros, complicados pola pandemia e tocou priorizar a saúde dos veciños, pero estamos traballando ao cento por cento por Vimianzo, coidando o noso patrimonio e executando obras”.Na entrevista tamén se falou da nova edición do Asalto ao Castelo e da C.M.A.T. que Rodríguez preside.
Fotos-Víctor Hugo