9.9 C
Santa Comba
jueves, marzo 21, 2024

Evaristo Ben:“O noso obxectivo como partido é ser a forza máis votada na Costa da Morte”

Entrevista a Evaristo Ben en Adiante Galicia.O vicesecretario de organización e xefe de campaña do Partido Popular na provincia da Coruña concedeu unha entrevista ao noso xornal.

P-Está notando que esta nova política de reunións comarcais están servindo para activar o partido?

R-Como partido político, desde a chegada á presidencia de Diego Calvo, establecemos que esta é a mellor maneira de estar en contacto directo cos militantes, afiliados e simpatizantes. Estas reunións permanentes, ademais de para escoitar as ideas e as posturas de cada un deles, sérvennos para aprender. Non se trata tanto dunha estratexia política e si da convicción de que está é a mellor forma de facer política.

P-Unha das comarcas onde o PP deu un paso atrás en 2015 é a Costa da Morte. Parece que agora teñen boas expectativas. Confían en recuperar o deputado provincial?

R-O noso obxectivo como partido é ser a forza máis votada nesta comarca. Estamos convencidos de que gañaremos as eleccións nestes concellos, levamos moito tempo traballando duro para conseguilo.

P-No concello de Cee optouse por recuperar a un exalcalde. Non é o máis habitual….

R-Cee preocúpanos e moito. Fronte á situación de inacción e de deixadez dun goberno local ausente  e deriva nós presentamos un candidato avalado por unha xestión acreditada. Antonio Domínguez decidiu dar o paso á fronte e eu só quero lembrar que os mellores anos de Cee, os de máis crecemento e as de máis oportunidades tiveron lugar con el como alcalde.

«O noso obxectivo non só pasa por recuperar o goberno de Fisterra e Cee, senón que esperamos gobernar en máis concellos»

P-Confían en facerse coas alcaldías de Fisterra e Cee ou incluso con algunha máis no partido xudicial de Corcubión?

R-Gustaríame proponerlle ao PSOE que nos concellos da comarca gobernase a lista máis votada.  Como me imaxino que non aceptarán o reto, xa lle adianto que o noso obxectivo é máis ambicioso e que pasa, non só por recuperar o goberno de Fisterra e Cee, senón que esperamos gobernar en máis concellos.

PEn Camariñas volve a presentarse Mauro Aufiero. O PSOE goberna desde o 1983 ininterrumpidamente. Pensa que pode cambiar esta situación?

R-Confiamos moito en Mauro e no seu proxecto de rexeneración política.  Queremos que o futuro de Camariñas pase pon un goberno para todos os veciños, que non exclúa a ninguén, que non estea paralizado e que sume. Camariñas merécese ser noticia por todas as cousas boas que ten e non polos continuos escándalos políticos  aos que nos ten afeitos nos últimos anos.

P-Haberá candidatura no concello de Dumbría?

R-Haberá candidatos nos 93 concellos da provincia de A Coruña

P-Na bisbarra de Bergantiños, Carballo é unha praza que se resiste desde fai anos e na que o PP foi en retroceso nos últimos comicios locais. Tamén son optimistas?
 

R-2015 foi un ano complicado como partido político. En Carballo confiamos no traballo que está a realizar o grupo municipal e a xente da xunta xestora. Estou seguro de que contaremos cun equipo atractivo, que sintonice con todos os votantes que o Partido Popular ten en todas as eleccións. As municipais son un punto e  aparte na política de Carballo. Polo que temos entendido, o señor Ferrero preséntase sen convicción e por un compromiso co partido. Creo que os veciños de Carballo merecen saber si ten pensado acabar a lexislatura en caso de ser elexido como alcalde ou de estar na oposición. 

Gustaríame facer un chamamento á xente do Partido Popular para que vote ao equipo que imos presentar e que está comprometido con e por Carballo.

P-E no resto do partido xudicial de Carballo?

R-No 2015 gañamos en todos os concellos e uns 80 votos priváronnos de conseguir as alcaldías de Laxe, Ponteceso e Coristanco. Agora non podemos ter outro obxectivo que o de gobernar nestes tres concellos e, sobre todo, consolidar as alcaldías de Laracha, Malpica e Cabana.

«Santa Comba é un claro exemplo de que si os votantes do Partido Popular están unidos gañaremos con claridade e con maioría absoluta».

P-Falamos da comarca do Xallas.En Santa Comba goberna o PP pero as últimas eleccións non se gañaron.Que agarda deste concello?

R-O noso presidente provincial leva meses apelando á unidade do partido na provincia. Santa Comba é un claro exemplo de que si os votantes do Partido Popular están unidos gañaremos con claridade e con maioría absoluta. Con María Pose esperamos contar cun proxecto unido, comprometido e xeneroso.

P-Cando coñeceremos ao candidato ou candidata de Mazaricos?

R-Nas próximas semanas saberemos o candidato ou candidata de Mazaricos. Formaremos un bo equipo.

P-Por último, vostedes insisten moito na necesidade de recuperar a Deputación. Encontra moitas diferencias entre a Deputación gobernada polo PP e a actual de PSOE e BNG?

R-Non queremos recuperar a Deputación para o Partido Popular, querémola recuperar para os veciños da provincia da Coruña. O exemplo do que digo atopámolo no Plan Único que acaban de aprobar e que non contentou a ningún alcalde da provincia. Estamos ante un plan único que mingua a súa partida económica respecto ao ano pasado. 

Nós deixamos unha Deputación saneada, con plans, con acción permanente e ligada aos veciños, e ímonos a atopar unha Deputación menguante e ausente igual que o seu presidente, que parece máis preocupado en arranxar os problemas do seu partido, que falta lle fai, que de gobernar a Deputación.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos