Entrevista a Serxio Domínguez Louro. Responsable do BNG na Costa da Morte.
@xmlema
O BNG agarda poder conservar o deputado provincial da Costa da Morte, manter as alcaldías de Carnota e Zas, gañar en Corcubión e mellorar no resto dos concellos da bisbarra. Na Ponte do Porto quedei co coordinador do BNG na comarca, Serxio Domínguez Louro, para falar sobre o traballo da organización que representa nesta zona. A conversa foi longa e decidimos dividir a entrevista en dúas partes. Nesta parte falaremos de tódolos municipios da bisbarra a excepción do concello de Cee, onde Serxio Domínguez é concelleiro. A segunda parte versará exclusivamente sobre Cee.
P- Na actualidade o BNG ten dúas alcaldías na Costa da Morte, Zas e Carnota. Ese é modelo que quere o Bloque?
R- Pódese dicir que si. Estou orgulloso das dúas alcaldías. En Zas xa temos un goberno asentado e cunha liña clara . Con cartos no banco que o goberno central non lles deixa gastar e con políticas sociais, como por exemplo, as axudas para os estudantes.
A Carnota hai que darlle tempo. Moncho Noceda chegou nun momento moi delicado. Encontraron un concello cunha débeda moi importante. Estaba a punto de ser intervido polo goberno. Os números estanlle dando a razón a súa xestión e os veciños confiaron nel para seguir gobernando. Nunha lexislatura máis Carnota acabará sendo unha referencia na comarca.
P-Tamén temos unha experiencia de bipartito. Neste caso en Fisterra, onde o BNG goberna en coalición co PSOE.
R -Estou moi contento porque o traballo de Kuka Sar e Tereixa Fernández é inmenso. A área de cultura está sendo unha referencia en toda a comarca. E Kuka está dando unha lección de que se pode ir a política a traballar. El é un home curtido en mil batallas e que demostra que con constancia e perseveranza se conseguen as cousas.
Esperamos que as eleccións referenden ese bo traballo, que está cheo tamén de de pedras no camiño. Non é fácil ser valente e tomar decisións. O que está a pasar coa peonalización non deixou de pasar en Pontevedra, Carballo ou en Allariz, e hoxe son referencia en todo.
P-Hai tamén un caso que chama a atención. O de Vimianzo, onde pasaron de ter un goberno con maioría absoluta a quedar fora da corporación. Como se está vivindo esa situación e cales son as perspectivas de futuro?
R-Foi un trago amargo.Cando eu entrei como coordinador xa había un certo distanciamento entre o que era Vimianzo e nós.Foi unha relación cordial.Penso que puidemos entendernos máis, pero viña a cousa enquistada de atrás.
Tomaron a decisión de abandonar o BNG e houbo que respectar a decisión. Foi unha pena porque Vimianzo custou anos e anos de picar pedra para conseguir entrar nese pequeno feudo que tiña Alejandro. Foi un traballo deles como persoas e como militantes pero o BNG sempre estivo aí apoiándoos.
Non foi unha decisión fácil para eles e houbo debate. É unha situación complicada pero o BNG ten vida propia e seguimos tendo compañeiros que non marcharon e acercouse xente nova. Imos a tentar presentar candidatura. Pero o proxecto é a longo prazo e queremos facer as cousas serias.
P-En 2015 o Bloque non se presentou en Dumbría
R-En 2015 estivemos a punto de conseguilo pero por problemas de saúde da persoa que tíñamos apalabrada non se fixo.Non queremos facer as cousas dun xeito chapuceiro. Imos tentar presentar tamén lista.
P-En Camariñas e Muxía teñen representación en concellos gobernados con maioría absoluta.
R-O caso de Ilva é moi particular, porque ven de perder ao seu pai e ven de pasar máis dun ano fastidiada.Estivo moi limitada politicamente. Agora volverá. Detrás dela hai xente moi interesante e están cheos de futuro. En Camariñas podemos dar un avance e seguir medrando.
O caso de Muxía é diferente.Carlos Concheiro está facendo un traballo moi bo pero a maioría absolutísima de Félix Porto eclipsa todo o traballo que se fai.
Carlos Concheiro lanzou fai anos a idea de recuperar o sentido da romaría da Festa da Barca e a sorpresa foi que Félix Porto falaba nos mesmos termos este ano antes de empezar a Barca. A súa ideal serviu de algo.
Outro exemplo é que con estes cartos que chegaron dos eólicos, Félix Porto e o goberno parece que vai a facer unha gardería. Vaise facer na parte baixa do centro de usos múltiples, onde dixera o BNG. Carlos é a persoa máis preparada do BNG na Costa da Morte. Está facendo un traballo bo nun sitio complicado. Houbo sitios onde a división do nacionalismo fixo dano. A “vella escola” non está no BNG e a organización reséntese.
P-Corcubión ten un especial simbolismo para a comarca e para o BNG. De gobernar durante anos a ser oposición.
R-Aínda se fala do alcalde de Corcubión referíndose a Rafael Mouzo. Foi un bastión noso durante anos. Con tódalas dificultades que tivemos quedamos a 36 votos da alcaldía. Estamos a traballar con esperanza. Despois dun liderado tan forte sempre chega unha época de semioscuridade. E tamén pasou en Corcubión.
Estamos nunha época de transición e chegarán actores novos. Pepe Ansede e Rafa Mouzo son actores de toda a vida, do vello Hollywood. Imos facer unha candidatura con xente capaz e válida e creo que imos a recuperar ese concello tan mítico e representativo para nós.
P-De tódolos xeitos vai a resultar complicado manter o deputado no partido xudicial de Corcubión?
R-Pode parecer complicado.Pero se somos quen de presentar listas en Vimianzo e Dumbría son votos que recuperaríamos. Depende de moitas variables e tamén do que faga o PP.
O PP agora di que vai recuperar o peso perdido. Pero o que non se pode é desaparecer da escena, como pasa no concello de Cee, cando tes a maioría no pleno, e volver dous anos despois. Na rúa hai que estar sempre. Estou convencido de que o PP non vai a mellorar os resultados de fai catro anos. Non está dando imaxe de mellorar. O mellor que podería facer para este estado sería desaparecer e dar un volco. Non deixa de ser un partido podre.
Manter o deputado non vai a ser fácil pero confío plenamente en que nas nosas alcaldías non se dea un paso atrás, e que na tenencia de alcaldía de Fisterra sigamos medrando. Tamén confío que sigamos dando pasos cara adiante en Vimianzo, Dumbría, e penso que en Muxía e Camariñas imos a mellorar, e en Corcubión tamén. O partido hai que xogalo e imos saír ao ataque.