Entrevista a Juan Díaz Villoslada en Adiante Galicia. Esta foi a conversa co director deste xornal, Xosé Manuel Lema.
P-Ti defendes un proxecto municipalista. Que pensas que puido fallar e cal pode ser a solución o retroceso do Partido Socialista en cidades como Santiago, A Coruña ou Ferrol?
R-Esta situación é o resultado de moitos factores. Apareceron outras forzas progresistas no escenario que absorberon un caudal de voto progresista-socialista que antes podíamos ter nós.
Tamén penso na desafección da xente moza e no momento de crise que afectou dun xeito importante. Nese escenario o partido non viña forte e o ámbito urbano reacciona antes a cambios sociolóxicos. Esta situación de apoios na investidura tamén está dando lugar a tensións porque a Marea fáltalle experiencia nos gobernos e na xestión do día a día.
P-Hai que cambiar moitas cousas neste PSdeG para que sexa un partido gañador?
R-Levamos demasiado tempo de leas internas. A premisa inicial pasa pola unión e pola absoluta convicción de abrir unha nova etapa para traballar desde a esquerda nun proxecto político que hai que renovar.
P-Para que Galicia conte con ese relato propio que ti reivindicas, faise necesario ter maior autonomía de Madrid ou non necesariamente?
R-O PSdeG ten a súa propia identidade e a súa idiosincrasia. É un partido galeguista con historia, con xente e cunha forma de ser. Ten que ter o seu propio compromiso cos problemas de Galicia pero dentro do marco federal do partido. Iso non quere dicir que nos limitemos a xestionar decisións que se toman en Madrid. Madrid tamén ten que saber cal é a axenda política de Galicia. Para ter peso en Madrid, o socialismo galego ten que ser forte e estar unido. É absolutamente posible e necesario traballar nun marco federal e ter un propio proxecto galeguista traballando máis nos temas de autogoberno e na mellora estatutaria. É irrenunciable.
Villoslada no Encontro Socialista de Vimianzo
P-Fálase moito de renovación nestas primarias. Pero tamén hai un traballo feito de moitos alcaldes de dirixentes históricos ao que entendo que non renuncian.
R-Falo de renovación de formas de facer en termos colectivos. O municipalismo é base e o traballo de tantos alcaldes, alcaldesas e concelleiros é clave. Pero necesitamos que todo se artelle mellor. Non falo de poñer caras novas porque sexan novas. Hai xente que leva moito tempo pero que ten moita capacidade de renovar.
P-Que supuxo para ti as cifras das recollidas de avais?
R-En primeiro lugar supón o respaldo da militancia aos tres candidatos para poder presentarse. É un indicador de que hai unha mobilización grande dos militantes. Tantas veces se fala de que se un é dun aparato ou doutro, pois isto demostra que a distribución de forzas non se lle pode asignar a ninguén ou a todos.
O importante vai ser a votación. Nas últimas primarias a correlación avais-votos non foi directamente proporcional. Todos estamos en posicións análogas de apoios e considero que se eliminan algunhas etiquetas que se estaban colocando interesadamente.
P-Por último. Unha mensaxe para os militantes que lean esta entrevista
R-Temos que aproveitar esta oportunidade de ter o vento a favor a nivel favor para escribir o proxecto do socialismo en Galicia. Iso pasa por traballar con unión, xenerosidade, e ilusión, sabendo que se abre unha nova etapa de máxima apertura á sociedade. Hai que recuperar a coherencia e a credibilidade. Hai que ser fortes para poñerlle frente ás políticas conservadoras e ao Partido Popular.