Entrevista a Andrés García Cardeso, alcalde da Baña.
Andrés García Cardeso falou para Adiante Galicia. Está satisfeito co traballo realizado pero é consciente de que quedan cousas por facer e considera fundamental volcarse cos servizos sociais. Valora a actitude da oposición e aínda que se sente con forzas non quere desvelar se se presentará as eleccións de 2019.
P-Chegamos ao meridiano do mandato. Que balance fai o alcalde da Baña?
R-O balance é positivo aínda que hai cousas que están saíndo máis lentas do que esperabamos. Estamos dando un impulso a cousas importantes, como a Edar de Barcala, fixemos melloras no colexio co acondicionamento do patio interior e exterior e de eficiencia enerxética nas instalacións, así como asfaltados, saneamentos, mellora das áreas recreativas e a limpeza e mantemento de tódolos núcleos do concello. Melloramos o salón de plenos do concello pero tamén queremos darlle un cambio ás oficinas e reparar a cuberta.
P-Ao longo da súa longa xestión de que actuacións se sente máis orgulloso?
R-Hai obras importantes coma o Centro de Saúde que ademais foron moi rápidas.En menos de dous fíxose todo sendo conselleiro José Manuel Romay Beccaría. Tamén as actuacións en estradas como na variante da Baña, ou en Corneira, Seoane ou San Cibrán.
A legalización da Escola de Música, os locais sociais nas parroquias, os saneamentos, ampliación da EDAR da Baña ou a de Corneira. Ou por exemplo a escola unitaria de Lañas que é un auténtico luxo.
P-Que obxectivos se marca para o que resta de mandato?
R- Quedan por facer cousas. Agora mesmo estamos co Plan de Obras e Servizos e o Plan de Acción Social. Ademais estamos volcándonos na área de servizos sociais. Xa levamos tempo co comedor sobre rodas e cos servizos de fisioterapia e perruquería, pero queremos que axilice o tema da dependencia e o outro día xa nós reunimos co conselleiro de Política Social para que se axilicen os trámites para as valoracións.
A cooperación entre concellos vai a ser fundamental. Estamos traballando conxuntamente en programas de emprego pero hai que seguir nesta liña.Queremos ter os nosos camiños en bo estado, e a brigada municipal está facendo un grande traballo. E darlle unha utilidade a reitoral de San Mamede.
P-Precisamente por isto lle ía a preguntar. Hai dúas opcións, pero semella que se decantan polo proxecto da Fundación Anxiños.
R-Nós queremos ser transparentes e non ocultar nada. Sopesar o que vai a ser unha vivenda comunitaria, seguir co camiño previsto aínda que coa nova normativa habería máis dificultades, ou dar o paso para ese proxecto que estamos estudando, e que levaremos ao pleno con todos os informes xurídicos e económicos e despois valoraremos.
Queremos que sexa unha decisión consensuada, e que repercuta nos veciños do concello.
“Coa oposición hai discrepancias
pero tamén colaboración”
P- Que opinión lle merece a oposición?
R-Houbo un cambio radical no tema da educación e do trato. Temos as nosas discrepancias políticas pero hai colaboración. Vivimos unha etapa de moita tensión e de moito capricho, pero entre todos nos demos conta de que iso non é o mellor para os nosos veciños. Considero que hai unha situación moi favorable e positiva.
P- Andrés García foi un dos alcaldes populares que se salvou da marea electoral de 2015
R-Isto vai por ciclos. Coma no fútbol dous partidos non son iguais nunca. Unhas eleccións municipais tampouco.O fundamental é estar coa nosa xente e tratar de resolverlle os problemas cotiáns.Aguantei no 2015 e aquí estamos.
P-Como é o día a día do alcalde da Baña?
R-Eu atendo a xente, a todo mundo, e incluso a veces desprázome as casas dos veciños para de primeira man coñecer os problemas.
Tamén hai que estar petando as portas das administración, e neste caso tamén son deputado provincial, aínda que estou na oposición, pero hai que facer un traballo. Ademais hai que visitar os lugares porque A Baña ten 132 núcleos de poboación e hai que estar vendo as necesidades puntuais e as actuacións que se desenvolven.
P-O POS + da Deputación xerou debate. A Baña gaña ou perde?
R-Inicialmente A Baña perde. Pero imos a ser prudentes e esperar a finais de anos a ver se incrementan o diñeiro. Pero cos números na man, temos 150.000 euros menos e temos que dar un toque de atención. Imos a ter a esperanza de que melloremos.
P-Vai a volver a presentarse?
R-Teño todas as forzas do mundo pero aínda faltan dous anos. No seu momento tomarei a decisión axeitada, pero tamén teño que dicir que vou completar os 24 anos como alcalde, e catro na oposición e penso que a veces tamén ten que haber máis xente, temos que dar paso a outra xente, pero iso o analizaremos no partido.