14.6 C
Santa Comba
jueves, abril 4, 2024

“A Dereita Galeguista tiña medo á revolución e ás reformas relixiosas»

Álvaro Rodríguez Núñez, é Doutor en Ciencias PolíticaS e avogado. É autor de varios ensaios e acaba de sacar do forno, un novo libro titulado “Galleguismo, Tradicionalismo y Segunda República(El pensamiento político del galleguismo conservador)” editado por Glyphos Publicaciones.

 
P-Porque te decidiches a realizar este traballo?

R-É un proceso político contemporáneo da nosa terra que me pareceu interesante sobre todo polo que pasou, onde as esquerdas galeguistas apoiaron á Fronte Popular e destacados dirixentes  da dereita galeguista apoiaron a insurrección e o golpe de estado do xeneral Franco.

Quixen achegar un grao de area a un proceso histórico que está moi de actualidade pero tamén excesivamente politizado en canto á política actual.

P-Neste libro analizas o distanciamento entre o galeguismo conservador e a Fronte Popular, cales foron os motivos principais que provocaron esta ruptura e o achegamento dos conservadores aos golpistas?

R-Tres motivos basicamente. Primeiro, a política relixiosa. A cuestión católica era básica, tendo en conta que nin a igrexa nin os católicos de 1936 son os de hoxe.A Fronte Popular tiña unha política laica, e para o sector da Dereita Galeguista a defensa da ortodoxia católica era elemental.

Segundo. Estamos nunha sociedade moi violenta e nun estado de caos, con tiroteos, asasinatos e enfrontamentos entre as milicias dos diferentes bandos.

E o terceiro elemento é que hai unha gran radicalidade nos partidos da esquerda revolucionaria. O PSOE está dividido, existe un PSOE bolxevique dirixido por Largo Caballero, o Partido Comunista stalinista, e a todopoderosa C.N.T. anarquista.

A situación de caos e o medo a unha revolución e a unha reforma que leve a unha “descatolización” de España e de Galicia, fan que a dereita galeguista non apoie á Fronte Popular.

P- Entón como conviviron estas tendencias dentro do Partido Galeguista durante anos?

R-Conviviron esencialmente porque non se debatía de política de clases. Había un compromiso de evitar os temas peliagudos e de non atacarse. Estaban obrigados a ir en coalicións electorais para garantir o resultado.

A realidade obriga ao Partido Galeguista a ser pragmático e posibilista e ir na Fronte Popular, que tamén garantía o Estatuto de Autonomía. Os galeguistas de dereitas antepuxeron os seus intereses relixiosos, económicos e sociais a este pacto electoral.

P-Hai que ler este libro, pero se me permites imos a deternos un momento na figura dun persoeiro que ten un protagonismo fundamental. Cal é o papel de Vicente Risco nesta historia?

R-Vicente Risco está moi presente neste libro e incluso hai un estudo sobre el, sobre a súa personalidade, o seu pensamento e a súa obra.É unha persoa realmente excepcional, dunha talla intelectual máxima.

Era un home da súa época. Antimarxista, e tamén racial ou racista, pero estamos no 1936 onde había o apartheid en Estados Unidos, e os carnés raciais en Cuba. Hai elementos coma este no pensamento de Risco que chocan cunha mentalidade demócrata do século XXI. Tamén apoiou o golpe de estado e o alzamento. Pero Vicente Risco é un dos grandes teóricos e merece ser estudado.. Tamén ten unha grande calidade literaria.

P-A ver que opinas. Ti crees que senón chegara a haber Guerra Civil, aquela Dereita Galeguista podería botar raíces e converterse nunha especie de PNV?

R- É moi complexo saber isto.O que houbera pasado se a dereita galeguista se enfrontara a Franco. Se en Galicia non existe hoxe unha forza galeguista de dereitas ou de centro débese a grande habilidade de Fraga Iribarne de coptar a todos eses sectores. 

Ese electorado existe e opta por votar maioritariamente ao Partido Popular. Por iso Feijóo non deixa de proclamarse galeguista. E tamén débese a unha incapacidade do nacionalismo galego que tería que facer esa labor de restruturación do espazo galeguista, porque habelo haino. A Guerra Civil queda moi lonxe neste senso.

P-Que pretendes con este libro, que reaccións agardas?

R-É un tema que me apaixoa, que me gosta. Poucos autores teñen escrito sobre o feito de que un sector da dereita galeguista lexitimara o golpe de estado de Franco.

E isto debe de estudarse para coñecer a evolución do galeguismo. Na historia de Galicia hai como unha hemiplexia. Tamén lembrar as raíces do galeguismo. Penso que é positivo debatir.Hai persoas que estamos cansas de escoitar o políticamente correcto e de que se nos oculte aquelo que non é tan correcto pero tamén é real.

ESCOITA AQUÍ A ENTREVISTA COMPLETA

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos