Conversa co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.
Xosé Manuel Lema @xmlema
No concello da Laracha agardaba o alcalde, puntual e ledo, para facer esta entrevista. Xoves solleiro. Polo edificio municipal, coma na última ocasión, actividade e movemento de concelleiros en plena faena. Patricia Bello, Rocío López, José Ramón Martínez e Jesús Souto estaban en acción polo consistorio.
Preguntarlle ao alcalde, José Manuel López Varela, polas obras no concello é asistir a un amplo relatorio. Sen un só apunte, o rexedor comeza a enumerar un feixe de actuacións, que dan conta de que A Laracha vai a unha velocidade distinta doutros concellos da contorna.
Aconsello escoitar a entrevista completa neste audio
“Fago un balance totalmente positivo, porque mantemos as mínimas cargas impositivas e de taxas aos veciños, cumprimos co pago a provedores, temos boa saúde económica e estamos facendo actuacións importantes” resume López Varela.
Lamenta que ,de momento, e pola restricións gobernamentais, non se pode facer uso do 1,5 millóns de euros que teñen de remanente pero considera que se están dando pasos e explica que agora o importante “é contar cos orzamentos xerais do estado aprobados”.
“A situación económica é positiva- explica o alcalde- non temos ningún tipo de préstamos salvo un do Plan de Aforro e Investimento”.
José Manuel López agradece a implicación da Xunta de Galicia para poder sacar adiante investimentos relevantes como as dúas sendas peonís que unirán A Laracha e Paiosaco coa C-552, ou a que conectará a capital municipal co Igrexario de Cabo Vilaño.
Dentro deste “volume importante de obras” menciona tamén a ampliación do centro de saúde e da depuradora. “O secreto está e non gastar máis do que se ingresa e no cargar de impostos aos veciños, e conseguir axudas doutras administracións” indica López Varela que ademais incide en que cada ano aumentan “os gastos de mantemento e conservación” sen esquecer a necesidade de ir ampliando os saneamentos, melloras dos espazos públicos e o alumeado nas parroquias, así como a ampliación da recollida selectiva.
“Nestes momentos temos 42 cursos financiados integramente polo concello en funcionamento” afirma o alcalde. E a necesidade de dar resposta ás necesidades de 606 quilómetros de vías municipais.
Na folla de ruta actual están actuacións importantes na praza do concello e na rúa Epifanio Campo da Laracha e na Vila Fano de Caión. Pero nesta vila mariñeira, José Manuel López quere que durante esta lexislatura sexa unha realidade o centro cívico de Caión. Xa xestionou unha axuda de 200.000 euros na Xunta de Galicia pero hai que continuar para chegar a financiar o proxecto de máis dun millón de euros:”Caión necesita un espazo para reunir a xente e para ter aulas formativas” sentenza.
Por se fora pouco, o executivo local tamén aposta polo turismo cultural para “que veña xente a Laracha, porque temos recursos e hai que poñelos en valor”. De feito hai dúas mostras, a adquisición dos terreos do Menhir de Erboedo e do Castro de Montesclaros.
Na nosa conversa, López Varela, non quere deixar pasar a ocasión de falar de emprego. “É un apartado fundamental”. O concello ven de poñer en marcha un portal de emprego, e aparte dos cursos e outras iniciativas, seguen traballando para conseguir que se baixen os prezos do Polígono Industrial.