14 C
Santa Comba
viernes, marzo 22, 2024

“Os dereitos conquístanse, o dereito é a loita polos dereitos»

Entrevista a Ramiro García, xuíz no centro de internamento de estranxeiros(CIE) de Aluche

Erik Dobaño 

“Un CIE é un centro de sufrimento e un espazo de opacidade e impunidade policial”, di Ramiro García de Dios, xuíz de control do Centro de Internamento de Estranxeiros de Aluche en Madrid, “a realidade é que son lugares peores que as prisións”.

Ramiro García de Dios (Palma de Mallorca, 1946), fillo de coruñeses, senta nunha mesa dunha cafetería do Parrote con Cheikh Fayé (Gade Escale, Senegal, 1962), inmigrante en desemprego e autor dun blog, senegaliza.wordpress.com, no que dá conta da vida cotiá dos subsaharianos na Galiza. Este é a transcrición dun diálogo entre dúas persoas que intentan chamar a atención sobre as calamidades que está causando a represión da inmigración en España.

Cheikh.- Fai pouco un rapaz de orixe paraguaia que vivía desde os 5 anos en Compostela foi expulsado de España por unha situación de irregularidade sobrevida. Foi arrestado e expulsado, non chegou a sufrir o ingreso nun CIE, pero está fóra. Que lle parece? 

Ramiro.- É aberrante, e claramente inxusto. Deses casos temos miles cada ano en España. Iso está xerando dor, sufrimento e moita frustración de expectativas de vida que se tiñan ao chegar a Europa. Os CIE forman parte dese sistema de xerar dor e frustración. Son espazos de control policial, armado e autoritario. Crean tensión e provocan protestas dos internos. Por outra banda, funcionan como ameaza para todos os inmigrantes: se perdes o traballo, podes acabar aí. 

Ch.– Cal é a túa función no CIE de Aluche? Traballas alí dentro?

R.– Non, estou nos Xulgados. Empecei como xuíz de control no 2009, cando se creou esa figura. Agora existe a posibilidade de que visitemos o centro ou de que recibamos no xulgado aos internos que o solicitan por carta. Eles séntese máis cómodos vindo ao xulgado. Neste anos temos avanzando algo en canto a que se permitan visitas, que haxa asistencia médica regular e inmediata con profesionais, que as dietas respecten as tradicións dos internos, que haxa asistencia xurídica alí dentro, que se poidan usar os móbiles. Alguén que era arrestado aquí e o levaban para Madrid, quedaba illado do seu entorno, máis angustiado. Tamén agora se chama as persoas polo nome, antes chamábanas por un número. 

Ch.- Case parece que estás describindo un Guantánamo. 

R.- Ben. De feito moitas das campañas que se fixeron levaban por lema: que o dereito non se deteña ás portas dos CIE.

Ch.- A cuestión é que se mete presos a inmigrantes por estar en situación de irregularidade administrativa. Como se chega a isto?

R.- Os CIE creounos un goberno socialista no ano 1985 como parte da adaptación de España para entrar na Comunidade Europea. Daquela Alemaña xa tiña unha tradición forte de control da inmigración que consideraba ao inmigrante como traballador invitado. Esa era, e sigue sendo, a maneira de pensar nas migracións. Pero até a Primeira Guerra Mundial non existían os pasaportes. Había liberdade de circulación e establecemento.

O peche das fronteiras empezou hai un século. En España extremáronse estas medidas a partir dos anos noventa. Abriuse a man coa lei do 2000, porque facía falta man de obra. Despois, coa crises, a perda de emprego, os inmigrantes volven a caer na irregularidade. Empeza a haber unha gran bolsa de irregulares. Uns conseguen ser regularizados, fundamentalmente por razóns humanitarias; e para o resto están os CIE e un segundo mecanismo de expulsión, que se instaurou fai pouco, que é o da expulsión exprés. Agora é o máis utilizado. 

Ch.- Non se pensa en como mellorar a situación dos inmigrantes. Por que non hai unha política alternativa aos CIE?

R.- A única alternativa aos CIE é pechalos. E pódese facer a través dunha orde ministerial.

Ch.- Refírome a outras políticas respecto da inmigración que non provoquen as situacións que ti describes e que non terminen por incitar á xenofobia. 

R.- Esa posibilidade de apertura que parecía querer a Unión Europea estase vindo abaixo con esta crise dos refuxiados. Hai países como Polonia ou Hungría que non queren saber nada de inmigrantes. Despois temos a expansión do medo pola ameaza terrorista. 

Ch.- Eu conto sempre que aquí en Galiza non nos topamos con tantos problemas de racismo como noutras partes do Estado. Pero as veces sucede. E sentimos ese rexeitamento que en outros países é máis claro segundo nos contan cada día os xornais. 

R.- Ese medo crece tamén con decisións políticas que parten de conveniencias políticas. Hai xenofobia social e tamén xenofobia institucional que se alimentan mutuamente. E a xenofobia social é real, sempre haberá prexuízos. O problema é cando se alimenta desde as institucións. 

Ch.- Eu vivino cando traballaba na ferralla. A min mo dixeron. Dicíanme: ‘están vindo moitos compatriotas teus e vannos quitar o traballo’. Diso falaban entón as noticias, cando inda había algo de traballo. Iso fomentábase. Non sei se pensas que en España podería haber episodios abertamente xenófobos como está pasando en outros países de Europa?

R.- Na miña opinión está crecendo a xenofobia. Por agora non se deron eses episodios, salvo en casos como no do Egido. Noutros países si hai problemas. E certa histeria. Estiven fai pouco en París e está militarizado. Hai medo. 

Ch.- Penso que as políticas de inmigración fan pouco polos emigrantes e nada por arranxar a situación nos países de orixe, e que é alí onde habería que actuar si se quere falar de solucións para o problema da emigración. Agora temos unha guerra en Siria, pero xa sucedía coa cuestión da pobreza en África. Os políticos da Unión Europea non fixeron nada polos nosos países.

R.- En relación con África, a miña opinión é que Europa debería prestar axuda para un desenvolvemento autónomo. Habería que ser facer políticas de cooperación con rigor. E impedir o saqueo, a explotación das persoas e mesmo o fomento das guerras por parte dos explotadores.

Ch.- É certo, séguese provocando a inestabilidade no continente por parte dunha minoría capitalista que pretende continuar coa explotación en África e en todo o mundo. E xa non son só europeos. Pero volvendo ao CIE, se me permitides. Fan falta solucións de emerxencia, non sei que marxe ten un xuíz coma ti para actuar a favor dos internos?

R.- A marxe é escasa á hora de conseguir a liberdade dos internados. Podo comunicar ao xuíz do caso que hai novos documentos ou situacións, asilo, por exemplo, para que se revise o caso, ou pódollo comunicar ao director do CIE, que si ten facultades para deixar en liberdade. Temos un límite, e si non es prudente, terás enriba ao aparato do Estado.

Ch.- Podemos dicir que estamos nunha época de retroceso dos dereitos que tiñamos como inmigrantes, para min o primeiro sería recuperar eses dereitos perdidos desde hai cinco ou seis anos e logo ver en que se pode mellorar para ser máis humanitarios. Non sei si se pode facer desde dentro, desde a Xustiza.

R.– Eu pertenzo a Xuíces para a Democracia, que está pelexando porque non se precaricen os dereitos dos inmigrantes e para que se pechen os CIE. Eu como xuíz individual podo facer pouco. A tradición xurídica di que os dereitos conquístanse, o dereito é a loita polos dereitos.

Ch.- De acordo, na vida nada sae gratis. Pero non todos os xuíces aplican do mesmo modo a lei que conduce até os CIE.

R.- É certo. En Madrid, refírome a cidade, dítanse proporcionalmente menos ordes de internamento que no resto da comunidade. A nivel estatal, sucede o mesmo, moitos dos internamentos veñen desde os xulgados máis pequenos. 

Ch.- Por que?

R.- Podémolo atribuír á inexperiencia dos propios xuíces. Xeralmente neses xulgados están os máis novos. Pode que haxa tamén algo de incompetencia. Non só cando se trata de aproveitar os ocos que deixa a lei para ser interpretada, senón tamén en canto a que se descoñecen as situacións en Malí ou en Siria, o que pasa neses países, que é o que se enfrontan esas persoas ás que vas mandar a un CIE.
Cheikh e Ramiro despídense ao mediodía. Pola tarde, o maxistrado ofrecía unha conferencia na Cidade Vella. Cheikh volveu á conversa cos compañeiros na rúa Barcelona matinando nunha frase do xuíz: “o dereito é a loita polos dereitos”. Quen sabe se Ramiro iría pensando no que dixo Cheikh: “na vida nada sae gratis”.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos