Entrevista a Jorge Álvarez(Cidadáns-Centrum).
Hoxe publicamos a entrevista que lle fixemos a Jorge Álvarez Castrillón que é o candidato á presidencia de Galicia pola coalición entre Cidadáns de Galicia e Centrum, este último partido formado por militantes que abandonaron Ciudadanos. Defínense como unha coalición de centro que aspira a gobernar Galicia xa que para Álvarez o goberno do PP foi de parálise e fachada e as forzas da oposición pretenden coller o relevo para facer o mesmo.
P- Como afrontades esta campaña electoral?
R-Pois con moita ilusión e con ganas e poder convencer aos galegos e galegas de que en política non todo está perdido e que a pesar dese hastío que senten agora coa actual clase política se pode recuperar a confianza e as ganas de cambia as cousas, pero sempre desde a participación cidadá.
P-Que valoración nos podes facer do actual goberno galego?
R-Non fixo nada, todo é unha fachada e creo que realmente Galicia non se merece o tempo de parálise que viviu nos últimos tempos. A crise non é escusa para a perda de calidade de vida que tivemos os galegos e as galegas. Como traballador autónomo, esforceime coma o que máis para sacar este país adiante, sobre todo, nesta recuperación que nos queren facer crer que hai, pero a realidade é que os servizos públicos, a educación, a sanidade, a dependencia, a atención aos nosos maiores, o emprego, as infraestruturas, o desenvolvemento económico aínda ten moito que recuperar para volver aos niveis anteriores e para ofrecernos aos galegos as prestacións que nos merecemos.
P- E da oposición?
R-A oposición está esperando o relevo para facer o mesmo, porque son iguais, son o mesmo can con distinto colar. Os galegos e as galegas queremos baixar a clase política do ceo e que poñan os pés na terra como o resto dos mortais e Cidadáns Centrum somos a única opción que o quere facer. Creo, que a clase política galega, en xeral, perdeu o sentido do que verdadeiramente era importante para os galegos. É curioso como temas como conciliación, dependencia, poder adquisitivo, rendas familiares, mellora das pensións, etc. só saen a relucir en época de campaña electoral. Habería que ver cántas proposicións parlamentarias se presentaron ao redor destes grandes temas nos últimos catro anos.
Estes días estou percorrendo Galicia e en todas as cidades e en boa parte das estradas que percorro atópome con treitos en obras, cando outros anos, en pleno verán nin sequera había cuadrillas municipais para limpar as cunetas. E non son eu só o que se da conta disto. Cada día, máis persoas coas que falo mo din e me trasladan o fartos que están de que se utilicen os seus votos.
P- Se fórades chave optaríades por pactar co PP ou coas demais forzas nunha coalición?
R-Cidadáns Centrum opta a presidir a Xunta de Galicia cun proxecto propio que ningún partido quere ofrece e no que coinciden todos os cidadáns: acabar cos luxos e os privilexios da clase política y cos chiringuitos institucionais que absorben miles e miles de millóns de euros en vez de destinalos a política social, emprego e desenvolvemento económico; pactaremos primeiro con calquera partido que queira facer isto e segundo que estea acorde co noso programa xeral. Se os galegos e as galegas queren que a clase política se sente a negociar, tal e como o fixeron os españois nas dúas últimas citas, Cidadáns Centrum sentarase e negociará en base a propostas de cambio. Non imos a mercadear cos nosos votos. Se logramos a confianza dos galegos, defendemos as posición que nos fixeron dignos deses apoios, senón estaríamos traizoándoos e traizoando aos principios que defendemos.
P- A vosa coalición e unha especie de Ciudadanos en versión galega?
R-A nosa coalición está formada por dous partidos de centro, un como Cidadáns de Galicia que xa leva un tempo constituído e outro coma Centrum de recente creación. Pero estamos moi orgullosos de ternos presentado xuntos a estas eleccións porque desde o primeiro momento atopamos puntos en común e posicións similares ante os problemas dos galegos.
P–Dime dúas ou tres medidas que considerades fundamentais para mellorar Galicia.
R-Coma dicía antes, o primeiro de todo que e o mais rápido e sinxelo, é acabar cos luxos e os privilexios da clase política; a rexeneración democrática si ou si sobre a base da participación da cidadanía; creación de emprego e mellora do tecido produtivo galego con políticas activas que aposten polos traballadores autónomos e por sectores senlleiros na Comunidade coma o lácteo,a pesca, o naval ou o téxtil, entre outros e medidas que atallen a crise demográfica que vivimos.
P-Dáme un motivo para votar Cidadáns-Centrum o vindeiro 25 de setembro?
R-Somos un partido de xente da rúa, que vivimos os problemas directamente e que só quere que se fale do que verdade nos preocupa e nos ocupa: os problemas das familias para chegar a fin de mes, a dificultade para pagar as vacinas dos nosos fillos, os libros e o material escolar e a educación para que teñan un posto de traballo, a emigración dos nosos titulados e investigadores que non atopan oportunidades en Galicia, os problemas de conciliación das familias, a sanidade que non cubre as nosas expectativas, os nosos maiores que renuncian a un envellecemento activo para ocuparse dos seus netos porque os pais teñen que traballar, etc. Imos reducir todo o gasto político en favor da política social; é dicir, que os impostos que págamos se destinen para dar un servizo aos cidadáns, non para engordar políticos parásitos que son os causantes dos nosos problemas. Cidadáns ricos, políticos pobres e non ao revés como nos ten acostumados a vella política.
Os políticos tradicionais céntranse unicamente en gastar o diñeiro dos cidadáns en políticas de costas a eles e a nós preocúpanos moito máis como conseguir que os galegos teñan máis poder adquisitivo, liberdade e capacidade de manter aos seus fillos.
P-Por último, deixolle este espazo para que lle transmita o que desexe aos lectores de Adiante Galicia
R-Que pese ao hastío que poden sentir ao ter que votar unha vez máis, o seu voto conta máis que nunca e que sexan conscientes de que a súa voz e a súa opinión, expresada nas urnas, pode cambiar a realidade do seu día a día. E nós, Cidadáns Centrum estamos aquí para facelo.