Rafael Cuiña Aparicio é alcalde de Lalín, pero tamén un empresario, galeguista que milita en Compromiso por Galicia e fillo do político Pepe Cuiña. Afronta a súa primeira lexislatura como rexedor e pensa que é o momento de gobernar con sentidiño, con especial sensibilidade polas políticas sociais ou o emprego. En Adiante Galicia quixemos conversar con Rafael Cuiña, e o noso convidado non puxo ningunha pega.
“En Lalín fixéronse proxectos faraónicos de xeito irresponsable cando a xente o estaba pasando mal”
P-Como está sendo a túa experiencia como alcalde
R-Moi satisfactoria e cun alto nivel de traballo. Non me queixo porque sempre digo que o 80% do que fago gústame. Hai cousas que non gustan porque a política non é fácil e enfrontarse a determinadas situacións, pero desde o consenso e do novo tipo de política que queremos facer é o ideal para que a xente vaia valorando o traballo.
P-¿Cales son as prioridades para esta lexislatura?
R-Quedan reflectidas nos orzamentos. As políticas sociais que tiveron un incremento do 330% con respecto ao goberno anterior, ou o fomento do emprego e de apoio ó comercio. Estamos tentando facer con modestia pero con moita ilusión a revolución do sentido común. Aquí en Lalín fixéronse proxecto faraónicos en épocas nas que a xente o estaba pasando mal de xeito totalmente irresponsable. Eu quero facer a política do sentido común.
P-Un dos cabalos de batalla será o de fixar poboación e non baixar do listón dos 20.000 habitantes ¿É así?
R-Sí.Hai unha crise demográfica importante tanto en Lalín como en toda Galicia. Temos que facer de Lalín un concello atractivo, que a xente teña aquí familia e non perdamos a categoría dos 20.000 habitantes, que este ano salvamos despois dun traballo inxente dos funcionarios e do goberno, pero hai un risco evidente pola crise demográfica que afecta a toda Galicia.
P-¿Está sendo escoitado na Deputación e na Xunta?
R-Só teño boas palabras para a presidenta da Deputación. Xa non hai cartos de libre designación que se movían de xeito caciquil e clientelar. Pasouse do peor presidente da Deputación da historia como era Rafael Louzán ao modelo dunha persoa coa que comparto a visión de cómo ten que funcionar unha Deputación. Aínda que as deputacións son institucións necesariamente revisables.
“A Festa do Cocido é do pobo. Estes anos estaba máis relacionada coa prensa rosa”
P-Ao falar de Lalín non podemos esquecernos da Festa do Cocido, que segundo dixo vostede este ano tenta recuperar a súa esencia. ¿A qué se refire exactamente?
R-Ten que ser unha festa para o pobo. Levaba anos sendo un acto nos que os políticos convidaban ós seus amigos e estaba case relacionado coa prensa rosa. O cocido ten que ser do pobo porque o paga o pobo cos seus impostos.
Hai programados un montón de actos para que a xente se sinta partícipe dun elemento dinamizador da nosa economía. Imos tentar conseguir que sexa declarada festa de interese internacional.
P-Permíteme unha pregunta de ámbito autonómico. Rafael Cuiña pertence a Compromiso por Galicia. Consideras que as vindeiras eleccións autonómicas serán o momento da entrada en solitario de Compromiso no Parlamento de Galicia ou ves máis necesario tentar buscar un entendemento co BNG o con outras formacións para construir unha alternativa forte?
R- Está aberta a porta.Todo indica que hai posibilidades de que se remate a época das maiorías absolutas do Partido Popular. Ninguén entendería que por enriba dos egos e solventando determinado tipo de liñas vermellas, non se chegase a un entendemento entre forzas que é máis o que as achega que o que as separa.
Estou sendo claro. A min gustaríame unha fronte común na que estivese o BNG, As mareas, Compromiso e todas aquelas forzas que están decididas polo cambio.Depende moitos dos actores principais e doutros actores principais que ó mellor teñen que deixar de selo e dar paso a unha nova xeración que entende mellor e ten menos vicios adquiridos.