8.1 C
Santa Comba
lunes, marzo 25, 2024

«O único voto útil para a clase obreira é o voto comunista»

Comunistas de Galiza-PCPE preséntase en tres provincias galegas. Adiante conversou coa candidata pontevedresa, Marina Quintillán.

Marina Quintillán Núñez encabeza a candidatura de Comunistas de Galiza-PCPE pola provincia de Pontevedra. Desde Adiante Galicia, lanza unha mensaxe para que os obreiros se unan, e asegura que a única candidatura de unidade que representaría os seus intereses sería “unha fronte popular e obreira”. Esta foi a entrevista con Marina.

P-Marina, finalmente Comunistas de Galiza xuntou as sinaturas e estará nunha nova cita electoral? 

R-Efectivamente compañeiro, grazas ao esforzo da nosa militancia de Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista, acadamos na Galiza os avais necesarios para presentar as nosas candidaturas en Pontevedra, A Coruña e Lugo. 

No conxunto do Estado, decenas de miles de avais recolleitos pola militancia do Partido e a Mocidade, coa axuda de simpatizantes, amigas e amigos, permiten ao PCPE presentar candidatura en 41 provincias, asegurando así a presenza de candidaturas do PCPE no 78,85% das circunscricións e permitindo a máis do 90% do electorado votar comunista nas próximas eleccións xerais do 20 de Decembro. 

P- Como ves a situación política en Galicia? 

R-A situación na Galiza véxoa moi lonxe da falsa «recuperación» que nos están a vender. Recuperación dos beneficios das grandes empresas, pode ser. Para o pobo traballador a situación é de brutal retroceso das súas condicións de vida e de perda galopante de liberdades e dereitos tanto individuais coma colectivos. 

Temos unha cuarta parte menos do poder adquisitivo que tiñamos antes da crise. O paro non cede e o emprego que se crea é lixo. As políticas do capital afondan na sobreexplotación da clase obreira (o ataque de calado contra as baixas médicas que entrará en vigor o vindeiro 1 de decembro da boa mostra diso) e na ruína do resto de capas populares tanto do campo como da cidade. 

O desmantelamento industrial que está depauperando e desertizando comarcas enteiras, a desfeita do tecido produtivo en xeral, a ruína de pequenas e medianas explotacións agrícolas, gandeiras e pesqueiras, súmanse ao endurecemento das condicións de explotación, a privatización dos servizos básicos e o encarecemento dos produtos de primeira necesidade nunha escalada de enriquecemento dos monopolios á conta da ruína e a miseria do pobo galego traballador. 

A persecución das organizacións e loitas obreiras e os xuízos políticos contra traballadores e traballadoras polo exercicio do dereito de folga son parte inseparábel deste endurecemento da ditadura do capital. 

P-Cales son as vosas principais propostas para estas eleccións? 

R-Desde Comunistas da Galiza-PCPE plantexamos catro eixos esenciais da nosa proposta política. Trátase dunhas liñas reitoras que marcan o noso traballo antes, durante e despois das eleccións. 

O avance da clase obreira cara á conquista dos seus dereitos. Se todo o producimos, todo o decidimos.

– A nacionalización dos sectores estratéxicos. Expropiar aos expropiadores é unha prioridade para establecer un poder democrático e a xustiza social na nosa sociedade. -A saída do euro, a UE e a OTAN. A Unión Europea é a estrutura política do imperialismo para impor a ditadura do capital hoxe. O seu brazo económico é o euro, e o seu brazo militar é a OTAN como instrumento de violencia superior. A clase obreira ha destruír estas estruturas de poder do inimigo de clase para avanzar cara á súa emancipación. 

– Agrupar as forzas, unir ás traballadoras e aos traballadores, organizar o contraataque e liberarnos da ditadura do capital. O sistema capitalista está en quebra e xa é incapaz de dar nada positivo á Humanidade, aos pobos e á clase obreira. É o momento de dar paso á nova sociedade, ao poder obreiro, ao socialismo e ao comunismo. 

Estes catro eixos principais desenvólvense nunha serie de medidas máis concretas, inmediatas ou a medio prazo, que teñen como obxectivo principal aliviar a situación de emerxencia que vive a maioría social do noso país, confrontando co brutal ataque contra os dereitos laborais, sociais e democráticos que estamos a vivir. Derrogar todas as contrarreformas laborais dos últimos anos, parar o desmantelamento industrial e do tecido produtivo en xeral, defender, ampliar e universalizar os servizos públicos, garantir a vivenda e o transporte como unha necesidade básica que é, transformación radical da política orzamentaria e fiscal, son elementos que desenvolve polo miúdo o noso Programa xunto con moitas outras propostas dirixidas ao acceso masivo á cultura e ao deporte ou á protección do medio ambiente das accións depredadoras e parasitarias do capital privado. 

P-Nalgún momento valoráchedes formar parte do proxecto para a chamada candidatura de unidade popular? 

R-A cuestión da unidade debe analizarse á luz da seguinte pregunta: baixo que programa? Máis concretamente: baixo o Programa de que clase? Non procuramos a alianza coas forzas da socialdemocracia (nin da vella nin da «nova») para xestionar o capitalismo «mellor» ou con máis «eficacia». 

Non chamamos á clase obreira a ir, baixo bandeiras alleas, á batalla por unha imposíbel marcha atrás da Historia, pola volta ao chamado estado do «benestar» (para algúns) que foi posíbel nun contexto económico e correlación de forzas internacional que hoxe non existen. Por outra banda foi o estado do malestar, a miseria extrema e a espoliación para a inmensa maioría da humanidade, aínda que certas migallas dese saqueo reverteran nunha mellora relativa da capacidade de consumo dos traballadores do centro imperialista.

 A alianza que impulsamos as e os comunistas é a das capas populares e sectores non explotadores da sociedade, baixo a dirección da clase obreira, nunha Fronte Obreira e Popular que dote dun Programa ao conxunto dos explotados e explotadas para camiñar cara ao único horizonte posíbel como alternativa á pobreza, a explotación, a destrución de dereitos e condicións de vida, o terrorismo da patronal e o seu estado contra o pobo traballador, a fame e a guerra imperialista: o Socialismo. 

P- Supoño que a vosa campaña non estará exenta de dificultades… 

R-Abofé! Desde a obriga de ser avalados por un 0,10% do censo de electores con que a lei electoral pretendeu (sen éxito) impedirnos concorrer ás eleccións, ata o muro de silencio ao que nos teñen afeitos os media («a voz do seu amo») durante toda campaña electoral, e fóra delas. 

E sen esquecer que somos un Partido de obreiras e obreiros sen máis cartos nin máis brazos que os da nosa militancia; é todo un desafío competir en tales condicións cos partidos da burguesía que aproveitan os cartos de todas para pagar exércitos de asalariados e de publicidade e que son ademais os donos dos grandes medios de desinformación de masas. 

E tamén son quen de carrexarte para que os votes e de despedirte se non os votas, pois son os donos de toda a riqueza que nos rouban e que producimos nós. 

P-Por último deixóte este espazo para a mensaxe que queiras transmitir os nosos lectores. Prezados lectores e lectoras: votade útil. O único voto útil para a clase obreira é o voto comunista. O voto comunista é a clase obreira votándose a si mesma, ao programa que expresa os seus intereses obxectivos e defende os seus dereitos no inmediato como parte da loita pola construción do seu propio Poder. 

R-Nós non nos diriximos aos «cidadáns», porque «cidadáns» son tamén os patróns que nos explotan ou os grandes empresarios que deciden miles de despedimentos. Dirixímonos aos traballadores e traballadoras. E para estes/as, coidamos que o voto comunista é o voto útil o 20 de decembro e sempre. Propoñémosvos tamén que fortalezades as filas do partido da clase obreira para loitar contra este sistema capitalista criminal e bárbaro, que está a morrer matando e necesita da nosa miseria, e máis da guerra e o saqueo para poder sobrevivir. 

@AdianteGalicia

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos