INFO-AXEGA 112
A implicada foi evacuada en ambulancia ao Hospital Quirón da Coruña.
O 112 Galicia recibiu, dez minutos despois das 20:30 horas, a chamada dunha persoa particular que alertaba dunha saída de vía no quilómetro 3 da DP-2904, á altura da parroquia de Seavia. Tralo accidente, a ferida requiría asistencia sanitaria urxente e o seu vehículo acabara no medio do asfalto.
Decontado, desde o 112 solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil de Coristanco. Tamén se informou aos Bombeiros de Bergantiños e ao GES de Ponteceso, aínda que finalmente non sería necesaria a súa intervención no operativo.
Os membros de Protección Civil explicaban que comezaba a haber problemas de circulación no lugar do sinistro. Pola súa banda, o persoal sanitario encargouse de trasladar á muller ao centro hospitalario tras atendela no punto.