INFORMACIÓN AXEGA 112
Un condutor ten que ser liberado polos Bombeiros tras quedar atrapado no seu vehículo ao saírse da vía en Mazaricos
Os Bombeiros de Santa Comba excarceraron ao condutor e único ocupante do vehículo.
Ao fío das catro e cuarto desta tarde, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contactaba co 112 Galicia para informar dunha saída de vía cunha persoa atrapada no interior dun vehículo, na estrada que une A Pereira e San Cosme, a AC-441, punto quilométrico 3.2, en Antes, no concello de Mazaricos. Engadían ademais que derivaban ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
Nada máis recibir o aviso, desde o 112 Galicia deuse conta dos feitos aos Bombeiros do Xallas, aos membros do GES de Muros e á Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no punto e rematadas as tarefas de excarceración por parte dos Bombeiros, os servizos sanitarios procederon coa evacuación do ferido.
Foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.