Informa AXEGA 112
Os equipos de emerxencia tiveron que intervir na mañá de hoxe para recuperar o corpo sen vida dun octoxenario desaparecido en Cee. O varón foi atopado nunha zona rochosa no peirao de Cubiles, nas proximidades dunha depuradora.
Foron os efectivos de Protección Civil de Cee quen chamaron ao 112 Galicia na noite de onte para informar da súa participación na procura do señor desaparecido. Na súa comunicación cos xestores do 112, indicaban que a familia estaba na súa busca desde as primeiras horas da mañá do sábado, momento no que se decataron da súa falta.
Desafortunadamente, ás 09:00 horas, unha persoa particular contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para informar da localización do corpo do octoxenario nunha contorna de difícil acceso.
Así, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee que, nada máis ter coñecemento dos feitos, se presentaron no lugar e lograron recuperar o cadáver. Ata o punto tamén acudiron os profesionais sanitarios, axentes da Garda Civil, da Policía Local, ben como os efectivos de Protección Civil da localidade.