Informa AXEGA 112
Un accidente cun só vehículo implicado en Ponteceso deixa dúas persoas feridas de gravidade.Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse no lugar da Campara, pouco antes das once desta mañá, tal e como indicou a persoa que chamou ao servizo de emerxencias para pedir asistencia.
No seu relato dos feitos, indicou que o vehículo estaba envorcado no medio da estrada sen que os ocupantes puidesen saír. Foi así como os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Carballo e dos membros do GES de Ponteceso e do servizo municipal de Protección Civil para rescatar as dúas persoas, unha muller e un home, que necesitaron asistencia médica urxente debido á importancia das súas lesións. De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 optaron pola mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela para o traslado dun dos feridos, concretamente da muller, mentres que o home foi evacuado nunha ambulancia.
Neste operativo, tamén interviñeron os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico. Ademais, para restablecer as condicións de seguridade na vía, foi necesaria unha limpeza da que se encargaron os efectivos do GES con base na localidade.