Informa AXEGA 112
As tres persoas afectadas foron trasladadas ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) polos servizos sanitarios de urxencia, unha delas evacuada nun helicóptero medicalizado e as outras dúas en ambulancia.A acumulación de monóxido de carbono provocada pola mala combustión dun quentador nunha vivenda situada no lugar de Pazos, en Mazaricos, foi a causa pola que tres persoas tiveron que ser evacuadas do domicilio.
Sucedeu pasados dez minutos das 10:30 horas desta mañá. Foi a esa hora cando o persoal sanitario comunicaba ao 112 Galicia que unha ambulancia se desprazaba cara o lugar de Pazos por mor de que, aínda que non sabían exactamente o que sucedía, tres persoas presentaban síntomas de intoxicación.
A partir de aí, os xestores do 112 informaron aos Bombeiros de Santa Comba que decontado acudiron ao punto. Igualmente, puxeron os feitos en coñecemento dos membros do GES de Muros, da Garda Civil, dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do persoal da empresa subministradora deste gas.
Así mesmo, o persoal sanitario contactou novamente cos xestores de emerxencias para comunicar que o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela tamén se dirixía ao punto. Tras chegar á vivenda, os bombeiros procederon a realizar as correspondentes medicións que, neses intres, daban valores baixos de monóxido pese a levar bastante tempo ventilándose, por iso, procederon co peche de todas as instalacións e continuaron coas tarefas de ventilación.
Con todo, tras finalizar a súa intervención, os bombeiros confirmaron que as tres persoas foron trasladadas por intoxicación debido á mala combustión do quentador de butano.