Informa- AXEGA 112
Un accidente durante a celebración do Rally de Noia obriga a intervir aos equipos de emerxencias para liberar aos dous pilotos dun coche que caeu por un desnivel e bateu contra unha árbore.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse este mediodía nun tramo pechado da DP-6202 comprendido entre Outes e Valadares, no que se dispoñía de medios e recursos de intervención en caso de emerxencia.
Para a atención dos feridos, o persoal médico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou un equipo a bordo do helicóptero con base en Ourense, ademais dos xa presentes no lugar e dispostos pola organización e dúas dotacións máis desprazadas en senllas UVIs móbiles.
De esta maneira, os grupos de intervención que xa realizaban labores de control na zona, como é o caso do GES de Noia e voluntarios de Protección Civil, comezaron a traballar para sacar aos dous pilotos do vehículo accidentado. Con todo, recibiron o apoio de máis medios alertados desde o 112 Galicia, como son os membros do GES de Muros, os Bombeiros de Boiro, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.
Unha vez liberados, os dous feridos recibiron asistencia médica, un deles xa foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.