-AXEGA 112-
Unha muller necesitou asistencia médica tras inhalar fume dun incendio orixinado na cociña da súa vivenda.Segundo a información recollida no 112 Galicia, o suceso produciuse ás 22:45 horas da pasada noite na Avenida do Butano, no concello coruñés de Arteixo. Alí acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender á propietaria da vivenda, que presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume como consecuencia do incendio na cociña.
Foi un familiar quen solicitou a intervención sanitaria debido a que, a muller, estivera exposta ao fume desprendido dunha tixola que ardera momentos antes. De feito, os propios particulares apagaron o conato de incendio e ventilaron a vivenda nada máis producirse o suceso.
Así, o persoal do 112 Galicia ademais de avisar aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informaron dos feitos aos axentes da Policía Local que, tras chegar ao domicilio, comprobaron que efectivamente estaba todo apagado. Iso si, confirmaron aos xestores do 112 que a muller fora trasladada, por precaución, ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informouse da situación aos Bombeiros de Arteixo e aos efectivos de Protección Civil da localidade.