Informa- AXEGA 112
Un home que circulaba nun camión en Cabana de Bergantiños resultou ferido ao saírse da vía o seu vehículo na AC-552, á altura da parroquia de Anós.
Segundo puido saber o 112 Galicia, o camión sinistrado, que transportaba estruturas metálicas, bateu contra o peche dunha casa. Malia o impacto, os Bombeiros de Carballo, que atoparon ao condutor liberado e accesible, aínda que ferido de consideración, confirmaron que non se produciu ningún tipo de derrame na vía de circulación. Iso si, o persoal do servizo de mantemento da estrada interveu para levar a cabo a limpeza na zona do accidente e restablecer as condicións de seguridade.
O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro ás tres desta tarde. Foi un particular quen contactou co CIAE 112 Galicia nese momento para alertar da saída de vía do camión.
A partir de aí, ata o lugar desprazáronse os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Carballo, o GES de Ponteceso, os axentes da Garda Civil de Tráfico e un equipo de mantemento da vía, tras ser alertados polos xestores do 112 Galicia.