– AXEGA 112-
O 112 Galicia recibiu esta mañá a alerta sobre un choque frontal entre un turismo e un autobús, no que pereceu unha muller.A vítima conducía o coche, que bateu contra o autocar na N-550, ao paso por Santiago en dirección á Coruña.
Pasaban apenas uns minutos das dez desta mañá cando unha persoa particular chamou ao número único de emerxencias para informar dun accidente frontal con fatais consecuencias para a condutora do turismo implicado. Segundo relataba, a muller carecía de pulso e tampouco respondía a estímulos. Ademais, estaba atrapada no interior do vehículo, polo que era necesaria a intervención dos bombeiros. Deste xeito, os xestores do 112 Galicia activaron os protocolos pertinentes para enviar senllos avisos aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os Bombeiros de Santiago. Con todo, nada puideron facer por salvar a vida desta muller.
Pola súa parte, o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento encargouse da retirada dos restos do sinistro co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía. Tamén, os axentes da Garda Civil de Tráfico acudiron ao lugar dos feitos para coñecer todos os datos sobre o sinistro.