informa-axega 112
As forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias que rodearon o incendio dunha vivenda en Neaño, Cabana de Bergantiños, no que resultou ferida unha muller.Os feitos ocorreron pasada a unha desta madrugada, cando os veciños percibiron un cheiro a combustible e escoitaron os berros dunha persoa pedindo auxilio.
Decontado, chamaron ao 112 Galicia para dar conta da situación e solicitar asistencia de forma urxente. Así, con estes datos, os xestores do Centro Integrado de Atención as Emerxencias de Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron unha dotación ao punto para prestar asistencia á ferida, pois presentaba queimaduras importantes en diferentes partes do corpo.
Ademais, pediuse a colaboración dos membros do GES de Ponteceso e dos Bombeiros de Carballo co fin de facer fronte ao incendio, que se concentraba nas partes altas da casa, isto é, cuberta e baixo cuberta. Precisamente, durante as labores de extinción, os equipos de Ponteceso e Carballo puideron confirmar o forte cheiro a combustible que tamén percibiran os veciños.
Deste xeito, os axentes da Garda Civil comezaron unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu o incendio, e indagar sobre a relación da muller ferida coa propiedade afectada, xa que estaba en vías de volver a ser ocupada polos seus donos.