A Policía Autonómica, en colaboración con axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente da Consellería do Medio Rural, esclareceu un incendio forestal no concello coruñés de Carnota. Axentes da Xefatura da Policía Autonómica con sede en Santiago esclareceron un lume ocorrido o pasado 22 de xaneiro na parroquia do Pindo (San Clemente), no que se viron afectados 6.000 metros cadrados de superficie rasa.
Froito da investigación, os axentes identificaron a unha persoa como presunta autora do incendio debido a unha posible neglixencia á hora de realizar unha queima de restos forestais sen autorización. As rachas de vento fixeron que o lume prendera na vexetación próxima o que deu lugar ao inicio do incendio. O investigado recoñeceu os feitos e admitiu que non foi capaz de sufocar as lapas.
As dilixencias por estes feitos remitíronse ao xulgado de garda de Muros. Trátase da segunda persoa investigada este ano pola Policía Autonómica como presunta autora dun incendio forestal.