Unha persoa faleceu esta tarde ao envorcar o vehículo no que circulaba, na estrada DP-3404, e caer a un regato nas proximidades do paseo fluvial da parroquia de Oliveiroa, no concello de Dumbría.
O aviso ao 112 Galicia deuno un particular, ás seis da tarde, que informaba dun coche envorcado nun rego, nas proximidades dunha zona habilitada como paseo fluvial. Nesta mesma comunicación, sinalaba que non se podía acceder á zona na que estaba o vehículo, polo que descoñecía se había persoas no seu interior.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Cee que, unha vez deron accedido ao lugar no que estaba o vehículo, conseguiron excarcerar e sacar unha persoa que se atopaba no interior do coche, pero nada se puido facer por salvarlle a vida.
Ademais, os bombeiros indicaron ao CIAE-112 que o vehículo estaba cheo de auga e, pola súa parte, os axentes de Tráfico apuntaron que se descoñecía cando podería terse producido o accidente, xa que o coche atopábase debaixo do nivel da estrada e non era sinxelo de ver nin de acceder ata el.
AXEGA-112