Información-AXEGA 112
Un home perdeu a vida esta tarde nunha colisión entre o turismo no que circulaba e un camión que transportaba piñeiros en Ponteceso, concretamente no punto quilométrico 3 da AC-424.Segundo a información recollida no 112 Galicia, o varón quedou atrapado no interior do coche accidentado, polo que os Bombeiros de Bergantiños empregaron material de excarceración para liberalo. Tras excarceralo, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.
O accidente ocorreu uns minutos antes das cinco e media. A esa hora, unha persoa particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia.
De xeito inmediato, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Bergantiños, do GES de Ponteceso, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil. Ademais, os xestores do CIAE 112 informaron dos feitos ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).