Información AXEGA 112
Un dos vehículos envorcou e o seu condutor tivo que ser excarcerado e posteriormente trasladado nunha aeronave medicalizada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Ás 10:30 horas desta mañá, un particular contactaba co 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que se acababa de producir un accidente entre dous vehículos, un deles envorcado, na AC-413, aproximadamente no punto quilométrico 10, en Xesteda, na localidade coruñesa de Cerceda. Ademais, segundo o seu relato, o condutor podería necesitar axuda para saír do interior do turismo.
Así, desde o 112 Galicia informouse decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, aos Bombeiros de Ordes, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.Xa no lugar dos feitos, os Bombeiros confirmaron a excarceración do condutor do turismo, que foi trasladado na aeronave. Ademais, outra persoa tamén necesitou ser trasladada en ambulancia polo equipo sanitario.