Informa AXEGA 112
Unha muller embarazada resultou ferida de consideración esta tarde despois de que o coche no que circulaba batese por alcance contra outro turismo no lugar de Barquiña, en Negreira. Ademais, un home tamén sufriu feridas neste accidente e ambos os dous tiveron que ser trasladados a un centro médico.
Segundo puido saber o 112 Galicia, aínda que os equipos de emerxencia descartaron utilizar o material de excarceración, foi necesario liberar á muller do interior do vehículo no que viaxaba. Esta acción foi levada a cabo polos axentes da Policía Local e o persoal médico da ambulancia desprazada.
Foron varias as persoas particulares que contactaron co 112 Galicia para dar conta do accidente, ao fío das tres. Segundo comunicaban na súa chamada, bateran dous coches e alertaban tamén de que podería haber persoas atrapadas.Deste xeito, con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Xallas, a Protección Civil de Negreira, á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Brión, á Policía Local e ao servizo de mantemento da vía de circulación.