Informa AXEGA112.
Un home resultou ferido esta tarde logo de que lle caese enriba unha árbore, nunha finca da súa propiedade, na parroquia de Cereo, en Coristanco.Un particular informaba ao 112 Galicia, pasadas as cinco e media da tarde, de que un home estaba ferido porque lle caera unha árbore enriba, mentres traballaba nunha finca, en concreto, no lugar do Cotón. Nesa mesma comunicación, o alertante sinalaba tamén que a persoa non estaba atrapada.
De xeito inmediato, o CIAE-112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto do accidente. Ademais, os xestores do 112 Galicia tamén informaron á Policía Local, á Garda Civil, e a Protección Civil de Coristanco.
Finalmente, os servizos de emerxencia desprazados ao lugar confirmaron que o home estaba consciente e que fora trasladado polos servizos sanitarios en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.