AXEGA-112
Unha persoa necesitou ser trasladada, a pasada noite, despois de sufrir un accidente co vehículo que manexaba e quedar este mesmo envorcado, na localidade coruñesa da Laracha.
Os xestores do 112 Galicia recibiron varias chamadas de persoas particulares, sobre ás nove e media, para informar da saída de vía dun coche que acababa de quedar envorcado na estrada do lugar de Caión. Así mesmo, indicaban que había unha persoa no interior do turismo que non podía saír.
De xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) facilitáronselle os datos aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Carballo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil do municipio.
Ao remate das tarefas no lugar, a dotación de Bombeiros desprazada afirmou que a persoa implicada no sinistro non estaba atrapada no vehículo pero que tiveron que prestarlle axuda para saír do mesmo, xunto co persoal sanitario, debido á difícil posición na que este quedara.
Segundo os datos facilitados polos membros de Protección Civil da Laracha ao 112 Galicia, finalmente a persoa foi trasladada en ambulancia.