O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea, animou a 13 concellos da provincia da Coruña a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.
Así llo trasladou o director do IET a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Coristanco, Carballo, Laracha, Cerceda, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Zas, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada na Casa do Concello de Coristanco.