Informa- AXEGA 112
Dúas persoas necesitaron ser trasladadas por inhalación de fume ao producirse un incendio no seu domicilio, en Arteixo.Ao fío das once da noite, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular para informar de que estaba a arder unha vivenda, no lugar de Chamín de Arriba. A persoa aclaraba que os habitantes xa abandonaran o interior da casa pero que había edificacións, moi preto, que podían correr perigo debido ao lume.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros de Arteixo, aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil do municipio.
Ao remate das tarefas de extinción, a dotación de Bombeiros desprazada ata o lugar dos feitos confirmoulle ao CIAE-112 que as lapas calcinaran unha habitación da vivenda, por completo, e que tamén provocaron danos nun dos andares da casa.Pola súa banda, o 061 indicou que, finalmente, tiveron que ser trasladadas dúas persoas, ata o centro de saúde, por inhalación de fume.
Lume no patio de luces dun restaurante
Ademais, os Bombeiros de Arteixo tamén tiveron que intervir noutro incendio, iniciado unha hora máis tarde, no seu concello.O 112 tivo constancia dos feitos mediante a chamada dunha testemuña que aseguraba ver lume no tellado dun restaurante, da calle Manuel Platas Varela.
Coa información facilitada polos operadores do CIAE-112, desprazáronse ata o punto, ademais dos Bombeiros de Arteixo, a Garda Civil, a Policía Local, Protección Civil e os servizos sanitarios.Finalmente, os Bombeiros corroboraron que ardeu unha cuberta plástica no patio de luces do local. Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.