AXEGA 112-
A muller e única ocupante do vehículo foi trasladada nun helicóptero medicalizado ao centro hospitalario de referencia.Ás 15:45 horas desta tarde unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía dun turismo no lugar da Pereira, na estrada que une A Pereira e Muxía, no termo municipal de Santa Comba. O alertante indicaba que no interior do vehículo había unha muller ferida e que non podía saír. No transcurso da chamada, outro particular informaba do mesmo accidente ao 112 Galicia e engadía, ademais, que o coche estaba envorcado.
Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.
De igual xeito, foron informados os Bombeiros de Santa Comba, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade, así como, o GES de Muros e os efectivos de Protección Civil de Mazaricos.
Os Bombeiros, unha vez no lugar, descartaron o uso do material de excarceración, posto que a muller estaba accesible e no interior do vehículo mentres se agardaba pola chegada dos medios sanitarios.Finalmente, e tras tomar terra no lugar dos feitos, a ferida foi trasladada polos equipos sanitarios na aeronave.