Un incendio orixinado no pendello dunha vivenda rematou con dous vehículos calcinados polas lapas, na localidade de Arteixo.Varias persoas alertaron, ás once e media da pasada noite, ao 112 Galicia de que vían arder o alboio dunha casa no lugar de Lañas, preto da capela de Santa María. Ademais, no transcurso das chamadas, os particulares afirmaban que había varias vivendas preto que podían correr perigo.
Inmediatamente, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros de Arteixo, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, aos membros de Protección Civil do municipio e aos servizos sanitarios.
Poucos minutos despois, coa chegada dos medios de intervención ao punto, desde o CIAE-112 tamén se informou aos parques de Bombeiros de Carballo e da Coruña, debido ao risco de proximidade do lume ás vivendas e á posibilidade de precisar máis auga para a extinción das lapas.
Finalmente, os Bombeiros de Arteixo confirmáronlle ao 112 que ardeu o alpendre da casa xunto con dous vehículos aparcados no seu interior. Ademais, engadiron que tamén se viu afectado diverso material de obra acumulado no lugar e parte do teito da edificiación. Con todo, as vivendas das proximidades non se viron prexudicadas nin houbo que lamentar danos persoais.
INFO-AXEGA 112