AXEGA 112- Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta mañá a dúas persoas que resultaron feridas tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban a causa do xeo.Así o puideron comprobar os efectivos de emerxencias que acudiron ao lugar para atender ás vítimas deste sinistro rexistrado na AC-552, na coñecida Curva dos Coellos, en Arteixo.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Nacional ao fío das oito desta mañá, cando solicitaron recursos para a limpeza da vía debido á presenza de placas de xeo que dificultaban a circulación.
Igualmente, indicaron os axentes que a situación na que se atopaba o firme provocou a saída de vía dun vehículo con dúas persoas a bordo, que necesitaron asistencia médica. Así, ademais de intervir os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, acudiron o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas e mesmo estiveron a piques de participar os bombeiros ante a posibilidade de que houbese atrapados. Sen embargo, os axentes da Garda Civil axiña confirmaron que os ocupantes do turismo estaban liberados. Iso si, necesitaban atención médica.
Neste senso, cómpre sinalar a necesidade de extremar as precaucións debido aos efectos provocados polas baixas temperaturas desta noite, que están a deixar as estradas cubertas de xeo. De feito, sucédense as chamadas ao 112 Galicia de persoas que advirten desta situación desde diferentes puntos da Comunidade.
Do mesmo xeito, distintos equipos de intervención traballan para o esparexemento de sal, que facilite a adherencia e evite accidentes.