Fonte-AXEGA112 Un motorista resultou ferido de consideración despois de sufrir unha saída de vía co seu vehículo cando circulaba pola AC-400, ao seu paso pola parroquia de Serres, no concello coruñés de Muros.
Debido á gravidade das lesións provocadas polo impacto sufrido, foi necesaria a intervención do helicóptero medicalizado con base en Santiago para evacuar o ferido ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Foron os profesionais de urxencias sanitarias quen, ás 16:30 horas, chamaron ao 112 Galicia para comunicar a mobilización da aeronave. Segundo indicaron, o motorista saíuse da vía e chocou contra unha das barreiras de seguridade da estrada.
Así, para prestar apoio ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) puxeron os feitos en coñecemento dos membros do GES de Muros e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar dos feitos, o ferido foi encamiñado ao centro hospitalario a bordo da aeronave e desde o 112 solicitouse a intervención do servizo de mantemento da vía para a realización das tarefas de limpeza da estrada.