O 112 Galicia recibiu hai apenas unha hora unha chamada de alerta por mor dun percebeiro que caeu nunha zona rochosa da Praia de Arnela, en Muxía.Segundo a persoa que contactou co servizo telefónico de emerxencias, o ferido quedou inconsciente como consecuencia do golpe, polo que urxía a asistencia médica.
De feito, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acudiron ao punto a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Co ferido, estaban os voluntarios de Protección Civil da vila, que puideron acceder ao lugar da caída por terra. Non obstante, desde o 112 Galicia, tamén se informou ao persoal de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia por se fose necesario outro tipo de rescate.
Así, despois de recibir os primeiros coidados, o perceibeiro foi evacuado na aeronave, xa consciente, ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Cómpre sinalar que os Bombeiros de Cee tamén se dirixiron ao punto para traballar en coordinación cos equipos de emerxencias alí desprazados, ao igual que os axentes da Policía Local.
FONTE-AXEGA 112