AXEGA 112-
Unha persoa tivo que ser excarcerada polos servizos de emerxencia na noite de onte despois que a furgoneta na que viaxaba chocara contra un tractor no concello coruñés de Malpica de Bergantiños, concretamente no lugar de Filgueira.A causa do accidente, os dous ocupantes do vehículo de transporte de mercancías tiveron que ser evacuados ao centro hospitalario de referencia.
Os feitos tiveron lugar ás 22:30 horas na estrada que une as localidades de Buño e Malpica. A esa hora, o propio condutor da furgoneta chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda despois de chocar contra un vehículo agrícola. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polo alertante, o accidente puido producirse debido a que o tractor circulaba sen sinalización, o que dificultaba a súa visibilidade.
Con estes datos, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballo e dos membros do GES de Ponteceso.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención fixeron uso do material de excarceración para liberar ao ocupante do vehículo e, finalmente, os dous feridos foron trasladados en ambulancia ata o centro hospitalario.
Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 solicitouse tamén a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.