Os bombeiros extraeron o parabrisas dun coche para permitir saír aos ocupantes despois de envorcar en Arteixo.
No sinistro víronse implicados outros dous turismos e só unha persoa necesitou asistencia médica e o traslado ao Hospital Quirón, na Coruña.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as nove da mañá na estrada da Coruña a Carballo ao paso pola coñecida como Curva dos Coellos. Foron varias as persoas que chamaron ao teléfono de emerxencias para dar conta da situación e pedir asistencia para os posibles feridos. En concreto, das persoas implicadas no accidente, só unha tivo que ser trasladada ao hospital nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Igualmente, as persoas que alertaron apuntaron a posibilidade de que houbese persoas atrapadas, xa que un dos coches implicados envorcou como consecuencia do impacto. Por iso, desde o 112 Galicia avisouse aos Bombeiros de Arteixo e Coruña, pois o sinistro produciuse xusto no límite entre os dous municipios, que tiveron que extraer o parabrisas para permitir saír aos ocupantes.En definitiva, tres coches implicados e unha persoa ferida e evacuado ao centro hospitalario de referencia.
FONTE-AXEGA 112